Dende o día 24 de abril e ata o día 7 de maio, a Policía Local de Poio levou a cabo unha campaña de control dos estacionamentos nas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. O obxectivo foi vixiar os espazos de estacionamento reservados para estas persoas, delimitados e sinalizados correctamente. Con esta medida trátase de evitar o uso impropio e fraudulento de tarxetas concedidas.


O día 28 de Abril sobre as 18 horas unha patrulla da Policía Local atopou un vehículo estacionado nunha reserva para persoas con mobilidade reducida da Rúa Ramón Encinas na parroquia de Raxó, cuxo condutor, aparentemente non tiña ningunha dificultade de mobilidade, polo que se procedeu a comprobar a tarxeta. Resultou que esta persoa, manifestou aos axentes que se trataba da tarxeta do seu xefe, que residía no Concello de Ourense. Posteriormente comprobouse que o titular da tarxeta falecera en xullo de 2016 no Concello de Ourense, polo que se procedeu a investigar ao identificado por un presunto delito de falsidade documental e uso fraudulento.


Os veciños comezan a concienciarse do uso debido das prazas reservadas para facilitar o estacionamento as persoas que realmente o necesitan. Nestes quince días que durou a campaña denunciáronse catro vehículos por infracción administrativa, ademais da infracción penal anteriormente citada. A Policía realizou un estudo para determinar se o número de estacionamentos destinados a persoas con mobilidade reducida era axeitado, contabilizando un total de 50 prazas reservadas nunha poboación de case 18.000 habitantes. Deste xeito garantimos espazos reservados para un 3% da poboación.


O reparto de prazas atende os criterios de poboación, vías e solicitudes atendidas, resultando ser as seguintes, 23 prazas en San Salvador, 8 en San Xoán, 10 en Combarro e 9 en Raxó.