A Concellaría de Cultura ven organizando o Ciclo de Teatro Poio Escena dende 2010. O ciclo ampliouse na súa terceira edición, cunha programación de 12 representacións ao longo do ano (como mínimo, xa que se contemplan as representacións "bonus"), unha vez ao mes, distribuídas entre Raxó (Centro Cultural Xaime Illa), Samieira (Casa do Pobo de Río de Bois) e Combarro (Salón de Actos da Comunidade de Montes), en colaboración coa SCD Raxó, a SCD Samieira e a ACDeM Armadiña de Combarro, as Comunidades de Montes Rega do Can de Samieira e Rega dos Agros de Combarro, que ceden as súas instalacións para levar a cabo as representacións nestas localidades.

 

Nesta edición, como novidade a programación xeral anual, acollera dúas novas vertentes en tódalas localidades (Samieira-Combarro-Raxó) participantes, a posibilidade de ofertar:

 

  • (1) Obras destinadas a público familiar, tendo en conta a necesidade de programar as mesmas en horarios axeitados aos ritmos das familias e veciñanza.

  • (2) Obras na rúa, no trimestre correspondente ao período estival para adaptar as representacións aos períodos vacacionais.

 

Mantendo o espírito inicial de fomentar o interese do público xeral polas artes e valorando a boa acollida que segue a ter o Ciclo, preséntase a programación para o 1º trimestre do ano.

 

En canto o custo, mantéñense os prezos de edicións pasadas:

 

  • 1 € (soci@s das asociacións organizadoras) e 3€ (non soci@s), para contribuír aos custes de desprazamento e montaxe dos grupos de teatro afeccionado.

  • Abono anual para asistir ás 12 representacións, en dúas modalidades: 15€ para non soci@s e 5€ para soci@s, o que supón un desconto de case o 60%, respecto á entrada na billeteira.

 

Ademais da representación programada para o mes de xaneiro, na sesión inaugural farase un recoñecemento á obra mellor valorada polo público no 2017, coa entrega dun diploma e dun agasallo conmemorativo. O premio recaeu en Romeo e Xulieta de Chirlomirlo Teatro.

 

Tamén, nesta edición desenvolverase de maneira conxunta un Ciclo de Monólogos, no que se incluiran actuacións “Bonus” convidando a profesionais da narración oral galega.Para esta nova edición, volverase contar cos grupos de teatro afeccionado de Poio.

 

Vindeiros Eventos

Sen eventos