A finalidade da Guía de Cor e Materiais de Galicia é proporcionar uns criterios e directrices técnicas e obxectivas para a regulación do emprego da cor e os materiais de revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas, suburbanas e rurais das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia. Esta Guía está fundamentada sobre unha investigación das características das edificacións tradicionais e orientada a asegurar unhas boas condicións de integración paisaxística, tanto en obras de rehabilitación ou reforma de edificacións existentes, como en obras de nova construción.[Máis información]

Os criterios expresados na Guía pretenden lograr un equilibrio entre a congruencia coa arquitectura tradicional, e por tanto co patrimonio cultural en sentido amplo, e a procura dun nivel alto de calidade escénica nas contornas humanas.

Con este fin, tras unha análise de preto de 3.800 edificacións en núcleos urbanos, periurbanos ou núcleos rurais, solo rústico e polígonos industriais, obtívose un diagnóstico sobre os materiais e cores empregados na arquitectura tradicional e recente en cada comarca paisaxística, así como unha proposta sobre os materiais e cores recomendados para ser utilizados en cada tipoloxía de edificación.

A Guía está estruturada en catorce tomos:

  • Unha Memoria na que se expoñen os antecedentes, outras experiencias semellantes, se explica a metodoloxía desenvolvida, se resumen as características da paisaxe de cada Grande Área Paisaxística e se sintetizan os traballos de recollida de información e as conclusións xerais de diagnóstico de materiais e cores para cada unha das grandes áreas paisaxísticas.
  • Un tomo de Instrucións de uso, que inclúe as instrucións para a utilización da Guía, así como os criterios e recomendacións xerais para o emprego dos materiais e as cores nas construcións.
  • Doce cadernos, un por cada Grande Área Paisaxística, nos que se recollen as cartas de cores detalladas para cada unha das tipoloxías de edificación consideradas.

Xornadas de presentación da Guía de Cor e Materiais de Galicia

En colaboración coa Fundación Laboral da Construción, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio, organiza varias xornadas de presentación da Guía de cor e materiais de Galicia, abertas a todos os profesionais e cidadáns interesados na mesma.

PONTEVEDRA | 07 de febreiro de 2018

Fundación Laboral de la Construcción. - Camiño da Raposeira, 24. Vigo

A CORUÑA | 05 de febreiro de 2018

Fundación Laboral de la Construcción.- Polígono Sabón, parcela 131 a. Arteixo

LUGO | 23 de febreiro de 2018

Fundación Laboral da Construcción.- San Xoan do Alto, s/n. Vilaesteve

OURENSE | 19 de febreiro de 2018

Asociación de empresarios da Construcción- Rúa Padilla, 1-3. Ourense

A confirmación de asistencia realizarase no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou nos teléfonos 981-541 755 / 56.

 

Vindeiros Eventos

25 Feb 2018
12:30 PM -
Enterro do Mexilón - Combarro
25 Feb 2018
05:00 PM -
Enterro do Galo Bruxo - Samieira
25 Feb 2018
08:00 PM -
Poio Escena - Ubú
03 Mar 2018
07:30 PM -
Enterro do Berberecho - San Salvador
10 Mar 2018
08:00 PM -
Enterro do Galo Fodorico - San Xoán