A Festa dos Maios é unha das festas municipais máis ancestrais así como vistosa, grazas á involucración ano tras ano da veciñanza. Unha festa de unión e convivencia onde participan maiores, mozos e cativos, pasando a sabedoría popular de avós a pais e de pais a fillos e conservando así viva a nosa cultura.

O tradicional concurso terá lugar o martes 1 de maio, a partir das 11 h. na Prazo do Mosteiro. Cada maio participante recibirá 200€, 50 € mais que o ano anterior, e dúas roscas pola súa participación, e entrará a concurso nas categorías de mellor maio, mellor conxunto, mellores coplas, mellor interpretación, mellor coroa e mellor barco tradicional. A diferenza do ano anterior, os maios participantes optarán a tres premios por cada unha das categorías.

Os membros do xurado, composto, novamente, por toda a Comisión de Cultura, terán que valorar as características da estrutura, os elementos vexetais empregados para a decoración, as dimensións, a composición das coplas e a interpretación consonte á tradición dos maios na nosa zona, tal e como, se recollen nas bases aprobadas na sesión ordinaria do mes de abril desta Comisión municipal, trala xuntanza mantida o xoves día 6 de abril no Salón de Plenos da Casa Consistorial coas diferentes asociacións e colectivos interesados en participar neste concurso.

A música tradicional non podía faltar nunha das celebracións máis antigas da nosa cultura popular, coa que damos a benvida a nova estación do ano.

BASES CONCURSO

1) Poderán participar todos os grupos, asociacións, colectivos, centros escolares etc. que formalicen a súa inscrición nas oficinas municipais desde o LUNS 23 de abril ao VENRES 27 de abril antes das 14:00 horas.

2) Un membro de cada un dos colectivos participantes deberá asistir ás reunións que para o efecto sexan convocadas polo Concello de Poio.

3) No momento da inscrición deberán presentar once copias das coplas e na instancia facer constar nome, enderezo e teléfono de contacto / correo-e da persoa representante.

4) Polo feito de participar, cada maio recibirá dúas roscas e 200 euros.

5) Os maios participantes deberán estar instalados no recinto antes das 11:00 horas do día 1 de maio para a súa inspección polo xurado; aqueles participantes que non estean presentes antes da hora indicada quedarán descualificados.

6) A orde de actuación dos maios realizarase por sorteo nunha reunión cos representantes dos colectivos participantes.

7)A entrega de premios farase ao remate das actuacións, despois de que o xurado faga entrega do fallo do concurso, que será inapelable.

8) O Acto da Festa dos Maios terá a seguinte orde de actuación:

  1.  ACTUACIÓN DOS MAIOS
  2.  Actuación Música Tradicional.
  3.  ENTREGA DE PREMIOS

DO XURADO

9) O xurado estará formado polos membros da Comisión de Cultura do Concello de Poio.

10) O sistema de puntuación será o seguinte para cada modalidade do concurso:

  • a) Cada membro do xurado deberá puntuar cada maio cunha nota do 1 ao 10.
  • b) a puntuación total será a obtida da división efectuada entre a suma do total puntuado e a suma do número de membros do xurado que puntúan en cada caso.
  • c) Non se contabilizará a “puntuación igual a cero”.
  • d) Non se contabilizará a “non puntuación”.
  • e) de producírense estes últimos casos, o número de membros do xurado que actúa como divisor minorará na mesma contía que a número de “non puntuacións” ou “puntuacións igual a cero”.
  • f) As puntuacións realizáranse nunha grella proporcionada para o efecto que será entregada á secretaria do xurado ao remate das actuacións de todos os maios concursantes.

CARACTERÍSTICAS

11) O xurado, para conceder os distintos premios, terá en conta as seguintes características:

  • a) O armazón non terá estrutura metálica aínda que se permiten os aros de barril.
  • b) Deberá estar atado con vimbias ou similar e non poderá levar rexinllas de plástico nin redes.
  • c) O emprego de produtos tradicionais na confección e armazón dos maios: fiúncho, laranxas, ovos de galiña, flores silvestres propias da zona e empregadas tradicionalmente nos maios, no seu estado natural.
  • d) O emprego de instrumentos de acompañamento típicos: palitroques ou entullos.
  • e) A calidade das coplas, que deberán ter a seguinte composición: estrofas de catro versos de 7 ou 8 sílabas, rimando a 2ª coa 4ª.
  • f) A entoación, o son do cantar e a actuación do conxunto.
  • g) Cada maio poderá participar cunha soa coroa, que deberá estar colocada cando menos durante a actuación do Maio.
  • h) A utilización dos materiais para confeccionar a estrutura da coroa será libre. O tamaño da coroa gardará proporción co maio, non podendo superalo en altura.
  • i) A decoración da estrutura da coroa será con flores e follas naturais, silvestres e da tempada.
  • i) Na actuación de cada maio serán interpretadas CATRO estrofas.
  • j) Só se aceptará a presentación dun barco por cada maio participante.
  • k) Os barcos deberán ser do tipo tradicional galego.

PREMIOS

12) Concederanse os seguintes premios por cada modalidade:

MELLOR CONXUNTO

MAIO

1º Premio: 220 euros

1º Premio: 150 euros

2º Premio: 180 euros

2º Premio: 120 euros

3º Premio: 150 euros

3º Premio: 100 euros

COPLAS

COROA

1º Premio: 150 euros

1º Premio: 150 euros

2º Premio: 120 euros

2º Premio: 120 euros

3º Premio: 100 euros

3º Premio: 100 euros

ACTUACIÓN

BARCO GALEGO TRADICIONAL

1º Premio: 150 euros

1º Premio: 150 euros

2º Premio: 120 euros

2º Premio: 120 euros

3º Premio: 100 euros

3º Premio: 100 euros

DISPOSICIÓN FINAL

13) A participación no concurso implica a total aceptación das presentes bases.

 

Lidia Salgueiro Piñeiro

Presidenta da Comisión de Cultura

Concellería de Cultura e Festexos- Concello de Poio

 

 

 

Vindeiros Eventos

23 Abr 2018
10:00 AM - 08:00PM
Dia do Libro - Exposición Anatomía do Libro
26 Abr 2018
05:30 PM - 06:30PM
GaliciaLe - Charla Informativa
27 Abr 2018
05:30 PM -
Obradoiro - Como se fai un album ilustrado?
01 Mai 2018
08:00 AM - 05:00PM
Festa dos Maios 2018 - Concurso