SERVIZOS MUNICIPAIS PON A DISPOSICIÓN DA VECIÑANZA DE POIO O EMPRÉSTAMO DE DEZ BIOTRITURADORAS PARA O TRATAMENTO DE RESTO DE PODAS E XARDINERÍA

12/01/2024

2023.

A Concellería de Obras e Servizos Municipais, dirixida polo socialista Julio Casás, informa de que a partires da vindeira semana xa estarán a disposición da veciñanza as dez biotrituradoras que o Concello de Poio adquiriu recentemente, ao abeiro dunha achega de fondos europeos obtidos a través da Xunta de Galicia, que se invisten na realización de iniciativas e medidas encamiñadas a cumprir cos obxectivos que marca a nova Lei de Residuos. A contía total supera os 77.000 euros, que tamén se invisten en actuacións como a adquisición de composteiros individuais e a instalación de dispositivos comunitarios.

Deste xeito, habilitarase un sistema de empréstamo dirixido ás persoas empadroadas no concello, a través dun servizo que servirá para garantir un tratamento e eliminación de resto de podas axeitado, reducindo ao máximo a realización de queimas, ao tempo que tamén redunda noutros beneficios como a elaboración de estruturante para composteiros. Casás indica que se habilitará un espazo na páxina web do Concello para facilitar a tramitación de solicitudes. Para máis información tamén se pode chamar ao 986770001 ou poñerse en contacto coa mestra composteira no 604025288. A recollida das biotrituradoras realizarase en horario de mañá na Reiboa (A Seca). O titular de Obras e Servizos Municipais amósase convencido de que este servizo contará cunha alta demanda, toda vez que “foron xa varias as persoas que amosaron o seu interese en facer uso desta maquinaria”.

O concelleiro do Goberno municipal explica que se lles facilitará aos usuarios e usuarias unha copia dunha pequena guía rápida sobre como utilizar as biotrituradoras. Asemade, lembra que este tipo de dispositivos serven para triturar restos leñosos procedentes de podas domiciliarias, entre as que se inclúen ramas de árbores froiteiras, viñedos, restos de xardinería ou árbores ornamentais. Pola contra, non se poderán tratar elementos verdes non leñosos, como herba, flores, follas, plantas arrincadas ou cepellóns, así como madeiras de mobles e materiais duros (pedras, ferros). Por outra banda, a cada usuario ou usuaria tamén se lle fará entrega dun documento no que figuran os obxectivos do préstamo, así como os dereitos e obrigas a cumprir tanto por parte da Administración municipal como das persoas solicitantes.

Sacar do circuíto de recollida do lixo esta fracción vexetal, evitar os riscos de incendios e contaminación ambiental e a elaboración de triturado para acolchar solos e como estruturante son algúns dos obxectivos e beneficios desta iniciativa impulsada pola Concellería de Obras e Servizos Municipais. Julio Casás pasou revista ás biotrituradoras esta semana, acompañado polo edil de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, e a mestra composteira.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio