fbpx

Logo da súa estrea a principios deste mes de abril, o programa ‘Cóidate Sempre’, impulsado desde a Concellería de Benestar Social e Mocidade, está a resultar un rotundo éxito de asistencia. Desde a súa primeira sesión, que tivo lugar o pasado día 7, xa foron máis de 100 as persoas que se achegaron ben ao pato exterior da Casa Rosada (os mércores) ou á explanada das festas na Seca (os venres) para tomar parte nunha iniciativa que está pensada para que os e as maiores poidan retomar hábitos saudables e a práctica de exercicio físico, despois de permanecer durante meses confinados nas súas casas por mor da pandemia.

Tal e como explica a concelleira titular desta área, a socialista Rosa Fernández, “comezamos cuns poucos inscritos, pero agora mesmo en cada sesión achéganse máis de 30 persoas, moitas das cales repiten habitualmente”. A concelleira de Benestar Social lembra que ‘Cóidate Sempre’ desenvólvese cumprindo con todas as medidas de seguridade e hixiene que marcan as autoridades sanitarias. Ademais de realizáranse as actividades ao aire libre, os e as usuarias deben utilizar máscara en todo momento e manter as distancias. “Estamos tendo bastante sorte coas condicións meteorolóxicas, porque, ata o de agora, non nos vimos na obriga de suspender ningunha sesión por culpa da choiva. Iso fai que a xente tamén se anime a participar, máxime tendo en conta que moitos deles e delas son parte do programa Saudemente, coñécense entre si e tiñan ganas de volver a verse e de saber uns dos outros”, sinala Rosa Fernández.

Entre o alumnado que acode ás sesións impartidas pola monitoria Marta S. Rancaño hai persoas de todas as idades. “Contamos con xente maior de 80 anos, que acoden con moita ilusión a realizar os seus exercicios e estiramentos”, conta Fernández González, que se amosa moi satisfeita coa acollida do programa e lembra que as sesións continuarán desenvolvéndose, de xeito gratuíto, ao longo dos vindeiros meses. Estas citas teñen lugar ás 11.00 horas, cunha duración duns 60 minutos aproximadamente.

A mellora progresiva da situación sanitaria experimentada nos últimos meses permitiu á Concellería de Benestar Social e Mocidade ir retomando, pouco a pouco e con todas as proteccións e medidas pertinentes, parte da súa actividade habitual. E é que non hai que esquecer que tamén están en marcha as clases do Taller de Memoria, que se desenvolven semanalmente en diferentes locais municipais de todo o concello. O alumnado traballa en grupos reducidos e ocupando sempre as mesmas prazas. Durante o confinamento, tamén foron habituais iniciativas como ‘Ata máis ver’, a través do cal as técnicas de Servizos Sociais contactaban de xeito periódico por teléfono con persoas que viven soas, para estar pendente das súas necesidades. Non faltou tampouco a entrega a domicilio de exercicios e guías para exercitar a mente, entregadas grazas á inestimable colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

“Imos seguir moi pendente das nosas persoas maiores”, garante Rosa Fernández.

 

Go to top