fbpx



A piques de chegar ao ecuador do mandato vixente, o equipo de Goberno, formado por BNG, PSOE e Avante Poio, aposta por consolidar unha importante inxección económica para facer a cabo unha batería de actuacións, obras e proxectos de todo tipo, que servirán para dar resposta a demandas históricas nas cinco parroquias e mellorar, en definitiva, a calidade de vida da veciñanza. Isto será posible grazas aos preto de 5,5 millóns de euros dos que o Concello disporá para completar a súa folla de ruta.

Estas cantidades proveñen dos 565.000 euros que se contemplan nos Orzamentos municipais no apartado de inversións (que se traduce nunha suba do 14% con respecto ao exercicio anterior), aos que hai que engadir os 1,4 millóns do Remanente de Tesourería, correspondente á liquidación das contas do 2020, e os 2,7 millóns de euros do préstamo recentemente aprobado, cuns intereses do 0% e que se adquire sen poñer en risco a estabilidade financieira da Administración municipal. Ademais, tamén hai que contar os 743.000 euros do Plan Concellos da Deputación Pontevedra, correspondentes á convocatoria de 2021, que se utilizarán para levar a cabo importantes obras de humanización e mellora de servizos básicos.

Ademais, o Goberno local destinará máis de 600.000 euros para impulsar convenios con outras administracións, de cara a impulsar actuacións tan necesarias como ambiciosas, como é o caso de reforma integral da PO-308 ao seu paso polo núcleo de San Salvador (Andurique, Porteliña e A Barca), de titularidade da Xunta de Galicia. 300.000 euros serán para impulsar este acordo coa Consellería de Infraestruturas. Ademais, tamén se gardan 164.000 euros destinados á obtención de fondos para rehabilitar e humanizar a rúa Ramon Encimas, nas inmediacións do peirao de Raxó, á espera tamén de que Portos de Galicia cumpra o compromiso adquirido de mellorar o espazo da súa titularidade nesta zona. Nesta liña tamén se inclúen cantidades para convenios destinados a rehabilitar o casco histórico de Combarro ou diferentes núcleos do rural, como é o caso de Xuviño.

A construción e reforma de diferentes instalacións deportivas (entre as que destaca a implantación de cuberta para as pistas de tenis de Monte Baldío ou o cambio de céspede do terreo de xogo da Reiboa), as melloras en equipamentos como o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, a Casa Museo de Colón ou o Casal de Ferreirós ou reformas na biblioteca de Campelo son outras obras que tamén se levarán a cabo grazas a esta ambiciosa inxección económica, a través da cal tamén se impulsan as axudas directas para os sectores máis afectados pola crise da COVID-19 (150.000 euros) e se contemplan novas medidas para dinamizar o eido formativo, turístico ou cultural, entre outros.

Unha das chaves á hora de poder levar a cabo este tipo de xestión foi a aprobación definitiva do Orzamento municipal antes do primeiro trimestre de 2021. Cómpre lembrar que o de Poio foi un dos orzamentos máis ‘madrugadores’ da contorna á hora de entrar en vigor.

 

Go to top