fbpx

O Concello de Poio vén de completar un dos últimos requisitos necesarios para poder aprobar as bases que permitirán a dotación de axudas económicas directas a empresas, autónomos e negocios que viron reducida, de xeito drástico, a súa actividade profesional por motivo da crise derivada da COVID-19. Cómpre lembrar que o Goberno local abre unha liña de 150.000 euros (100.000 correspondentes a fondos propios e 50.000 dunha achega da Deputación de Pontevedra) para impulsar esta iniciativa e que está contemplada no Plan Activa 2021, dentro da folla de ruta a seguir para reactivar a economía local, sobre todo entre os sectores máis afectados pola pandemia.

O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade, na sesión ordinaria do mes de maio, a modificación da ordenanza xeral reguladora das subvencións do Concello de Poio. En concreto, modifícase o artigo 22, que ata o de agora non permitirá a dotación de axudas a entidades que tivesen débedas con administracións públicas. Cómpre lembrar que nas bases impulsadas pola Administración local para o reparto destas axudas directas contémplase a posibilidade de outorgar estas axudas a negocios que se atopen nesta situación, sempre e cando resolvan estas débedas nun prazo máximo de 30 días. Esta medida segue as recomendacións marcadas polo departamento de Intervención, a fin de evitar contradicións entre as novas bases e a ordenanza municipal. O Goberno local lembra que “hai profesionais de sectores moi afectados pola pandemia que tiveron problemas á hora de acceder a liñas de axudas impulsadas desde outras administracións, debido, precisamente, ao tema das débedas. Entendemos que é imprescindible dar marxe aos e ás afectadas á hora de facer fronte a estas débedas e que, ao mesmo tempo, teñan dereito a recibir estas axudas”.

Precisamente, o equipo de Goberno mantivo este xoves unha nova reunión de traballo para analizar as bases, nas que se engadirán algunhas das propostas achegadas polos profesionais e representantes de agrupacións coma Hoempo, EnPoio ou a Asociación de Hostaleiros e Aloxamentos Turísticos de Poio. Os dirixentes municipais convocan un encontro telemático co sector para o vindeiro martes, 1 de xuño, ás 19.30 horas, para presentarlles o documento definitivo, antes da súa aprobación en Xunta de Goberno Local. As persoas interesadas en participar nesta reunión deberán enviar un mail a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. indicando unha dirección de correo electrónico á que desexan que se lles envíe a ligazón da devandita reunión.

 

Go to top