fbpx



O Concello de Poio recibiu nos últimos días un total de 142 solicitudes para o prendido de cacharelas durante a noite de San Xoán. Ao igual que o ano pasado, as fogueiras só se poderán realizar en espazos privados e cumprindo unha serie de requisitos, como son que o lume non supere os tres metros de altura e que o volume de combustible sexa inferior a oito metros. Ademais, a separación con inmobles e edificacións deberá ser de 12 metros e queda prohibida queima de neumáticos, plásticos ou aceites, ademais do uso de líquidos inflamables. A retirada de resto terá que completarse nun prazo máximo de 48 horas.

O feito de que non se poidan prender cacharelas en espazos públicos non limita o interese da veciñanza á hora de cumprir con esta emblemática tradición na noite máis curta do ano. De feito, o Concello detecta un notable aumento de solicitudes con respecto ao ano pasado. En concreto estas 142 peticións constitúen un incremento de máis do 30%, cando se pediron 96 permisos. Ademais, ás solicitudes de cacharelas tamén hai que sumar preto de media ducia para a realización de barbacoas por parte de profesionais do sector da hostalería, reducidas tamén de xeito exclusivo a espazos privados. Unha vez máis, o Goberno local insiste na importancia de que a veciñanza goce da noite de San Xoán respectando todas as medidas de distanciamento e hixiene e uso de máscara, dada a situación epidemiolóxica na que se atopa Poio desde hai algo máis dunha semana, cun importante incremento no número de positivos rexistrados. O alcalde, Luciano Sobral, insiste en que “temos que concienciarnos de que o virus aínda segue entre nós, polo que debemos extremar as precaucións”.

Para velar pola seguridade de todos e todas, a Policía Local establecerá un dispositivo especial durante esta noite, a fin de velar polo cumprimento non só das normas sanitarias e para comprobar que as cacharelas se adaptan ás medidas establecidas polo Concello, senón tamén para comprobar aforo e nivel de ruído. Tamén se habilitarán controis de alcol e drogas.

Precisamente no que á seguridade se refire, a Concellería de Festexos vén de deseñar unha programación de San Xoán na que se cumprirá con todos os requisitos que marcan as autoridades sanitarias de xeito rigoroso. A primeira cita será este mércores coa tradicional recollida de Herbas de San Xoán, que, un ano máis, organiza a Asociación Ronsel. A directiva informa de que xa non quedan prazas libres, polo que serán un total de 50 persoas, repartidas en dous grupos de 25, as que tomarán parte na actividade. O punto de encontro será o local do Sartal. A primeira saída será ás 17.30 horas, mentres que o segundo grupo iniciará a recollida das herbas ás 19.30 horas.

 

Go to top