fbpx



O Concello de Poio celebrará a vindeira semana unha sesión plenaria na que, ademais de tratar varios temas de interese, incluirá na orde do día unha moción elaborada polo Goberno municipal, na que corrobora a súa postura en contra do peche da sucursal de Abanca en Campelo e se amosa a prol de manter e aumentar os servizos para a cidadanía do municipio.

A Xunta de Portavoces, presidida polo alcalde, Luciano Sobral, e na que participaron Chelo Besada (PSOE), Marga Caldas (BNG), Silvia Díaz (Avante) e Rocío Cochón (PP), abordou na mañá de hoxe esta cuestión. Con este documento, preténdese non só dar traslado da oposición e do malestar por esta medida tomada de xeito unilateral pola entidade financieira, senón que tamén se perfilan una serie de actuacións encamiñadas a tratar de frear o peche. Deste xeito, o Goberno local aposta por efectuar a retirada de fondos e a cancelación de contas que a Administración local ten actualmente en Abanca. Ademais, os dirixentes municipais iniciarán unha campaña informativa para toda a veciñanza e manterán reunións co tecido asociativo de Poio para lograr que esta medida se faga de xeito conxunto.

A maiores, o Concello tamén tratará de buscar alternativas, a través de contactos con outras empresas bancarias, que sirvan para manter unha oficina operativa en Campelo. A intención de Abanca é que o peche se faga efectivo en setembro e trasladar as dependencias a Combarro, deixando neste núcleo da parroquia de San Xoán un caixeiro automático, unha medida a todas luces insuficiente. Na moción deseñada polos grupos da Corporación proponse, a maiores, solicitar á Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) a convocatoria dunha reunión conxunta entre cos concellos afectados pola privación de servizos á cidadanía, así como trasladar á Xunta, ao Parlamento de Galicia e aos responsables de Abanca a firme oposición do Concello ao peche da sucursal de Campelo. “Esta medida supón un grave prexuízo para a veciñanza do maior núcleo de poboación da parroquia de San Xoán e para todos os clientes e clientas”, advirten os dirixentes poienses, que tamén se asoman dispostos a emprender as mobilizacións de protesta que sexan necesarias para tratar de frear esta medida. Asemade, o Concello entende que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, debe comparecer de xeito público “para facer un balanzo económico e o custo social que supuxo a liquidación do sistema de caixas públicas de Galicia, que derivou na privatización e malvenda do servizo”.

A moción, que o Goberno local confía en que sexa respaldada de xeito unánime por todos os grupos, súmase á declaración institucional acordada pola Corporación hai uns días, na que se compromete a solicitar unha reunión cos responsables territorais de Abanca para instarlles a que manteñan abertas as oficinas existentes actualmente en Poio, así como á dotación dun caixeiro automático en Raxó.

 

Go to top