fbpx

O Concello de Poio vén de recibir unha subvención por parte do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), que supera os 54.000 euros e que servirá para dar un pulo á actividade e dinamización da Casa Museo de Colón, en Portosanto. A solicitude desta axuda foi tramitada a través das concellerías de Pesca e Marisqueo, dirixida pola tenente de alcalde, Chelo Besada (PSOE), e Participación Veciñal, Turismo e Espazos Cidadáns, coordinada por Silvia Díaz (Avante Poio).

A obtención destes fondos servirá para impulsar un proxecto, de carácter bianual (2021-2022), que contempla, entre outras novidades, a contratación dun técnico ou técnica que traballará na elaboración e deseño de diferentes iniciativas e actividades, de xeito que sirvan non só para dar a coñecer a teoría do Colón galego e as instalacións, senón que tamén permitirá consolidar unha ampliación dos horarios de visita. Ademais, tal e como consta na documentación remitida ao GALP, parte da axuda tamén irá destinada á realización dun vídeo documental e promocional, así como á organización de charlas, conferencias e obradoiros que “axuden a difundir e a dar a coñecer os valores patrimoniais, culturais e medio ambientais que están vencellados a Cristóbal Colón”, tal e como explican Besada e Díaz. Ademais, tamén se busca revalorizar o patrimonio autóctono a través das iniciativas que se desenvolvan na Casa Museo.

As dirixentes municipais lembran que a posta en valor das dependencias de Portosanto, inauguradas no ano 2010, é unha prioridade para o Goberno local. Nesta liña, precisamente, se traballou para acadar a adhesión da Casa Museo á  Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), creada a través do proxecto de cooperación interterritorial Morada Atlántica, para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020. Esta xestión, aprobada o ano pasado, permite potenciar a transferencia de coñecemento dos territorios costeiros do eixo atlántico, promovendo o desenvolvemento económico do sector turístico, grazas á posta en valor dunha rede de patrimonio etnográfico, cultural, paisaxístico e ambiental cos recursos dos territorios implicados. A Casa Museo de Colón cumpre cos requisitos esixidos para formar parte desta rede. Un dos seus grandes atractivos é a exposición permanente sobre Cristóbal Colón, que ofrece un extenso percorrido pola teoría da orixe galega do descubridor do continente americano. Ademais de documentos e material audiovisual, a mostra ofrece, entre outras cousas, unha réplica, a tamaño natural, dunha carta náutica debuxada polo navegante Juan de La Cosa no ano 1.500.

Ademais, cómpre lembrar que o Concello tamén ten proxectada a realización de obras de mellora nestas dependencias, para as que se contempla un investimento duns 75.000 euros aproximadamente.

 

Go to top