fbpx

Xa está todo preparado para que a Festa do Mar entre na súa fase máis novidosa con respecto a anos anteriores. Entre este xoves 26 de agosto e o sábado 28, o emblemático evento, que vive a súa vixésima edición, trasládase a Raxó, logo de acoller varias iniciativas ao longo da pasada fin de semana en Combarro. O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, destaca o feito de repartir unha cita desta magnitude “entre dúas localidades cunha profunda tradición mariñeira” e incide en que todas as actividades se están a desenvolver coas pertinentes medidas de seguridade e sanitarias que marca o contexto derivado da pandemia da COVID-19.

Ademais, Martínez Blanco informa de que se habilitarán aparcadoiros disuasorios durante estas xornadas, en parcelas particulares cedidas para a ocasión. O edil do Goberno local estima que se poderá dar cabida a entre 80 e 100 vehículos aproximadamente e expresa o seu agradecemento ás persoas propietarias destas fincas pola súa colaboración.

Exposicións, concertos, pasarrúas e espectáculos pensados para as crianzas protagonizan esta parte da Festa do Mar, que é un dos eventos estrela da programación Verán en Poio 2021. Precisamente, unha das citas máis agardadas será este xoves, a partires das 22.00 horas, nas inmediacións do Centro Cultural Xaime Illa. Será alí onde o grupo canario Efecto Pasillo ofreza un concerto para o cal xa non quedan entradas dispoñibles desde hai varios días (podíanse adquirir a través da web woutick.es). Martínez Blanco lembra que, ademais de existir un aforo limitado, os e as asistentes deberán ficar nas súas cadeiras coa máscara posta e sen consumir bebidas ou comida. O programa estrearase pola mañá coa apertura das exposicións, que estarán abertas ao público ata o sábado e que xa resultaron todo un éxito en Combarro, e un pasarrúas a cargo de integrantes da Escola de Música Tradicional de Poio (19.30 horas).

Con respecto ao venres 27, tamén ás 19.30 horas haberá un novo pasarrúas, esta vez a cargo de Vides Novas, mentres que o peirao acollerá ás 20.00 horas un espectáculo ‘clown’, pensado para gozar en familia. Pola noite, ás 22.00 horas, haberá un concerto da orquestra La Ocaband, con entrada libre ata completar aforo. As medidas de seguridade e directrices de cumprimento serán as mesmas que as da actuación de Efecto Pasillo. Por último, o sábado 28 a Escola de Música Tradicional de Poio volverá percorrer as rúas de Raxó coas súas pezas musicais (12.00 horas). Xa pola tarde, haberá unha navegación tradicional pola ría (17.00 horas), antes de que os Queimatasas realicen un pasarrúas e o peirao sexa escenario dun espectáculo de música infantil (Martiña Soñadora). A charanga Europa será a encargada, ás 21.00 horas, de pechar o programa da Festa do Mar.

O concelleiro de Festexos incide na aposta que se fai á hora de contar con grupos locais e orquestras para dinamizar a actividade lúdica do municipio, ao formar parte dun dos sectores máis afectados pola crise económica derivada da pandemia.

Aprazamento do servizo do Punto Limpo Móbil

Por outra banda, o Concello de Poio informa de que, con motivo da celebración das actividades da Festa do Mar, esta semana non se habilitará o Punto Limpo Móbil en Raxó. Este servizo itinerante adoita a estar operativo na parroquia (na explanada de Leopoldo Nóvoa) durante os xoves e venres da última semana de cada mes. Nesta ocasión, ao coincidir cos actos lúdicos, óptase polo seu aprazamento. O dispositivo estará de novo a disposición da veciñanza a finais de setembro, no horario habitual.

 

Go to top