fbpx



A tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada, vén de visitar o lugar da Bouza, na parroquia de San Xoán, onde o Concello impulsou unha actuación para dotar de servizos básicos como saneamento a un núcleo de vivendas situadas neste emprazamento. Trátase dunha zona que se atopa nas proximidades do Consistorio e do Mosteiro de Poio. Ademais, os operarios  tamén procederon á substitución do pavimento, que se atopaba algo deteriorado, por un novo firme. Besada explicou que os traballos iniciáronse a principios do verán e remataron neste mes de agosto. A maiores, a Concellería de Obras tamén ten previsto habilitar novo mobiliario urbano nas inmediacións do núcleo, incluídos bancos, dando así resposta a unha petición feita pola veciñanza.

Deste xeito, o departamento dirixido pola concelleira do PSdeG-PSOE continúa coa súa folla de ruta no que á dotación de redes de saneamento e abastecemento en zonas do rural se refire. Ademais das realizadas ao longo dos últimos meses, cómpre lembrar que está pendente de iniciarse unha obra en Covadalaxe, na parroquia de Samieira, para a instalación de tubaxes de estes dous servizos, así como a mellora do pavimento. A actuación foi adxudicada hai unhas semanas á empresa Narom Sociedad Limitada, cun orzamento que ascende a máis de 25.000 euros. Por outra banda, neste mes de agosto a Xunta de Goberno tamén aprobou un proxecto para dotar de saneamento a un núcleo de vivendas situado no lugar de San Martiño, pertencente á parroquia de San Xoán. Neste caso, investiranse preto de 90.000 euros.

Deste xeito, ao longo do último ano a Concellería de Obras e Servizos Municipais realizou ou impulsou proxectos destinados á mellora de servizos básicos para a veciñanza do rural cuns investimentos que roldan os 150.000 euros aproximadamente.

 

Go to top