fbpx

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez (BNG), confirmou que desde hai uns días estase a proceder á realización, de forma subsidiaria, dos traballos de xestión de biomasa en varias parcelas de titularidade privada emprazadas no municipio, logo de que se constatase de que as persoas propietarias non levasen a cabo estas tarefas no período correspondente. Cómpre lembrar que o Concello de Poio está adherido ao convenio subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e a entidade Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas franxas secundarias.

En virtude deste convenio, operarios de Seaga xa están tramitando a limpeza destes terreos, coas pertinentes inspeccións previas para analizar o estado dos espazos. Unha vez finalicen estas actuacións, trasladarase aos titulares destes espazos privados os custes resultantes dos traballos, tal e como establece a normativa. Procédese, asemade, á comisión da madeira resultante da corta das especies arbóreas retiradas. No artigo 22.6  establécese que a execución subsidiaria da xestión da biomasa non requirirá de ningunha autorización. As persoas responsables están obrigadas a facilitar os accesos necesarios.

O responsable do departamento de Medio Ambiente indica que o desbroce e retirada de madeira efectuarase ao longo das vindeiras semanas e que esta actuación lévase a cabo despois de que o Concello de Poio procedese, en tempo e forma, a dar traslado das pertinentes notificacións previas, así como á publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) e no Diario Oficial de Galicia (DOG) das parcelas que non cumprían cos requisitos pertinentes en materia de prevención de incendios. Unha vez superados os 15 días naturais establecidos para a realización de xeito voluntario das tarefas, os técnicos municipais procederon a pasar revista ao estado das parcelas. Xosé Luís Martínez estima que os traballos subsidiarios lévanse a cabo en algo máis de 30 terreos.

O responsable de Medio Ambiente salienta a importancia de formar parte do convenio coa Fegamp e a Xunta de Galicia neste ámbito, xa que “é unha ferramenta efectiva á hora de fomentar a prevención ante posibles incendios forestais”.

 

Go to top