fbpx

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSOE), e a edil responsable do departamento de Servizos Sociais, a tamén socialista Rosa Fernández, pasaron revista estes días á obra de remodelación integral que se está a efectuar no interior do emblemático Pazo de Besada, na parroquia de San Salvador. Menos de tres meses despois do comezo dos traballos, estes avanzan a moi bo ritmo, tal e como puideron constatar os dous membros do Goberno local durante a súa visita ás dependencias, na cal os técnicos responsables da obra lles explicaron os pormenores das tarefas que se están desenvolvendo. Cómpre lembrar que a empresa adxudicataria é Construcciones Abal. O proxecto conta cun orzamento a máis de 520.000 euros, IVE engadido. O financiamento realízase a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2020.

A día de hoxe, xa se completaron os traballos de separación das salas e despachos que o pazo albergará tanto no primeiro andar como na planta baixa. Cómpre lembrar que, unha vez rematada a actuación, darase traslado a estas dependencias dos departamentos de Benestar Social e Mocidade, así como do Centro de Información á Muller (CIM), que actualmente se atopan na Casa Rosada. Unha vez se leve a cabo este traslado, a Casa Rosada poderá dispoñer de novos usos. Gregorio Agís explicou que a empresa tamén está ultimando a obra para a instalación dun elevador. Tamén se rematou a limpeza e acondicionamento da segunda planta, onde se habilitará un aula de estudo. Asemade, os operarios procederon á posta a punto da fachada, a fin de eliminar posibles filtracións. Tanto Agís como Fernández amosaron a súa satisfacción polo ritmo dos traballos e amosaron o seu convencemento de que, se non se produce ningún imprevisto, a actuación podería estar rematada ao longo do primeiro trimestre de 2022. “Sería a partir de entón cando se empezaría a xestionar o traslado dos servizos da Casa Rosada”, indicaron.

Grazas a este ambicioso proxecto, que figura dentro das actuacións prioritarias para o Goberno local no mandato actual, “cúmprense varios obxectivos”, tal e como sinalou o concelleiro de Urbanismo. Neste sentido, Gregorio Agís indica que “non só conseguimos habilitar novos espazos de traballo para o persoal destes departamentos e de lecer para a veciñanza, senón que tamén poñemos en valor e uso dunha das dependencias máis emblemáticas que existen no noso concello”. A través desta actuación, o Pazo de Besada contará con varios despachos e áreas destinadas para as persoas maiores, incluído un salón de actos e eventos. Ademais, dotarase ao edificio de servizos básicos, iluminación e calefacción.

 

Go to top