fbpx

O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, vén de anunciar a celebración da Festa da Castaña, que terá lugar o vindeiro sábado 13 de novembro nas inmediacións da Praza de San Martiño, na parroquia de San Xoán. O edil do Goberno local explica que o departamento municipal aposta pola organización dun evento que ofrecerá a tradicional degustación de castañas e viño, unha actividade típica e emblemática do outono, de xeito gratuíto. “Para nós é un pracer poder organizar este evento, logo de que en 2020 non se puidesen celebrar magostos por mor da pandemia da COVID-19. A mellora da situación sanitaria nos permite poñer en marcha unha cita que confiamos en que resulte un éxito e sexa do agrado da veciñanza”, sinala Martínez Blanco.

A actividade contará con todas as medidas adaptadas á situación sanitaria. Neste sentido, Xosé Luís Martínez avanza que a programación dividirase por franxas horarias, o que axudará a evitar aglomeracións e a controlar o aforo. Deste xeito, está previsto que a degustación gastronómica comece ás 20.00 horas. Posteriormente, ás 22.30 horas, terá lugar unha verbena que estará amenizada pola orquestra Los Player’s. “O magosto sempre foi unha celebración moi sinalada en Poio, para gozar en familia, e, pouco a pouco, podemos ir retomando este tipo de citas, despois de superar, grazas ao esforzo de todos e todas, eses meses tan duros que provocou a pandemia”, celebra o concelleiro de Festexos, que explica que a organización do evento foi asumida pola súa concellería ante a imposibilidade por parte da Asociación de San Martiño de celebrar o seu tradicional magosto.  Deste xeito, esta será unha das primeiras iniciativas en chave gastronómica que recupera Poio.

Por outra banda, ao longo de mes de novembro os magostos tamén irán cobrando protagonismo noutras parroquias e lugares do municipio. Deste xeito, para o sábado 6 de novembro está prevista unha degustación de castañas en Lourido, organizada pola asociación veciñal da localidade. Un día máis tarde, o domingo 7, será a quenda do magosto preparado pola SCD Samieira, na Casa do Pobo Río de Bois. Unha vez pasada a Festa da Castaña, xa o día 19, a Praza da Chousa de Combarro acollerá a cita organizada polo Ateneo Corredoira. Finalmente, a Praza Alfredo Romay de Samieira será o escenario do último magosto do mes, a cargo da Asociación Cultural Andaina.

 

Go to top