fbpx

Un ano máis, a Concellería de Benestar Social e Mocidade pon en marcha unha campaña solidaria para lograr que ningún cativo ou cativa se quede sen vivir un Nadal especial. ‘Ningunha crianza sen sorriso’ é o lema da iniciativa impulsada polo departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández, consistente en promover a entrega altruísta de xoguetes, para que as responsables de Servizos Sociais poidan repartilos nos días previos ás festas de Nadal entre as familias máis desfavorecidas e con menos recursos do municipio. As persoas interesadas en colaborar nesta doazón xa o poden facer. Para iso, bastará con achegarse ás dependencias da Casa Rosada para deixar os xoguetes. O único requisito é que estes estean limpos e nun bo estado. O horario para poder realizar as doazóns será, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.00 a 21.00 horas polas tardes.

Rosa Fernández explica que os xoguetes recolleranse ata o vindeiro 9 de decembro. A partir de entón, será cando comece o proceso de empaquetado, no que, un ano máis, volverá colaborar, de xeito desinteresado, Silvia Ramírez, integrante da Sociedade Cultural e Deportiva Samieira. “Agradecemos moito a súa implicación á hora de realizar este labor, porque grazas a ela os agasallos que reciben as crianzas locen moito máis”, sinala a edil do Goberno municipal. O reparto dos xoguetes levarase a cabo nas semanas previas ao Nadal, de xeito que “poidan chegar a tempo a todos os fogares”.

Fernández González fai un chamamento á cidadanía para que participe. “Todos e todas podemos colaborar á hora de conseguir que estes nenos e nenas vivan con ilusión estas datas tan emblemáticas. Cada sorriso que consigamos provocar a través destas entregas será para nós o mellor dos agasallos”, recalca a edil do PSdeG-PSOE. A responsable de Benestar Social e Mocidade confía en que a resposta da veciñanza sexa tan positiva como a acadada na edición do ano pasado desta campaña, cando se reuniron xoguetes suficientes para repartir entre preto de 100 cativos e cativas de diferentes idades. “Esa cantidade practicamente dobrou á acadada en 2019”, lembra Fernández, que sinala que “recibimos doazóns non só de veciños e veciñas de Poio, senón tamén doutros concellos próximos como Pontevedra”. Patíns, unha bicicleta, libros, xogos de mesa ou bonecos foron algúns dos xoguetes entregados.

As persoas interesadas en obter máis información sobre a campaña poderán facelo chamando ao 986872401 ou enviando un correo electrónico a través de Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

 

Go to top