fbpx

O alumnado de 1º e 3º da ESO do IES Poio traballa desde este luns na posta a punto dun horto ecolóxico no centro educativo. Esta actividade, que leva a cabo o instituto en colaboración coa Concellería de Mocidade, ten coma obxectivo concienciar á rapazada sobre a sostenibilidade da contorna e do plante en xeral e a importancia de preservar e respectar o medio ambiente. Tal e como explica a concelleira delegada esta área, Rosa Fernández (PSOE), os e as estudantes toman parte en tres sesións formativas (ademais da de este luns, haberá dúas máis os días 9 e 15 de novembro).

Os obradoiros prácticos, ofrecidos por monitorado especializado neste eido, desenvolveranse tanto nas aulas como no exterior, cumprindo con todas as medidas que marcan as autoridades sanitarias por mor da pandemia da COVID-19. O alumnado terá a ocasión de familiarizarse coas técnicas básicas de fertilización necesarias para coidar un horto ecolóxico, ademais de aprender o manexo do solo ou as variedades de plantas que se poden cultivar neste tipo de espazos. Ademais, traballarase no control das herbas, nos tratamentos ecolóxicos e no uso de ferramentas e aparellos necesarios para garantir un bo mantemento do horto. O Concello xa procedeu ao acondicionamento dos terreos nos que se emprazarán os cultivos. A Concellería de Mocidade anuncia que proximamente tamén se desenvolverán obradoiros sobre residuos e reciclaxe.

Ademais, esta mesma semana técnicos do CEIDA impartirán charlas no IES, ademais de desenvolver outras actividades noutros centros educativos do municipio, sobre a compostaxe, mantendo así a liña de traballo xa consolidada en temporadas escolares previas.

 

Go to top