fbpx



A Casa Rosada empeza a recibir as primeiras doazóns de xoguetes para repartir entre as familias do municipio de Poio con menos recursos. Este é o obxectivo co que, un ano máis, a Concellería de Benestar Social e Mocidade impulsa ‘Ningunha crianza sen sorriso’, unha campaña a través da cal se fai un chamamento á cidadanía para que ceda xogos e elementos que se conserven en bo estado, de xeito que poidan ter un segundo uso para as crianzas das familias máis necesitadas, de xeito que tamén poidan gozar das Festas de Nadal cos seus agasallos.

Apenas unha semana despois do inicio da campaña, o ritmo de doazóns é moi alto. A edil responsable do departamento municipal, a socialista Rosa Fernández, expresa o seu agradecemento a todas as persoas que xa fixeron entrega de xoguetes, entre os que se poden atopar xogos de mesa, bonecas, peluches, material para debuxar e un pequeno patín. “A cidadanía está a demostrar novamente o seu espírito solidario, que permitirá que ningún neno ou nena de Poio quede sen sorrir este Nadal”, asevera Fernández González. A concelleira de Benestar Social e Igualdade lembra que os xoguetes poderán entregarse antes do vindeiro 9 de decembro. A partir de aí, o persoal de Servizos Sociais procederá ao seu reparto entre as familias con menos recursos da vila. Ademais, este ano a Casa Rosada volve contar coa imprescindible colaboración de Silvia Ramírez, da SCD Samieira, que se encargará de empaquetar os agasallos. O horario para facer as doazóns é, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.00 a 21.00 horas polas tardes.

O único requisito para que os xoguetes sexan aceptados é que estes estean limpos e en boas condicións, independentemente da súa antigüidade.

Programa Xuntos Polo Nadal

Por outra banda, desde Servizos Sociais lémbrase que este ano retómase a campaña Xuntos Polo Nadal. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Política Social, destinada a persoas maiores de 60 anos que carezan de familiares ou achegados, para que non pasen soas as festas de Nadal. A Casa Rosada ofrece á veciñanza información e asesoramento sobre a documentación e xestións que deben realizar á hora de solicitar a súa inscrición. As persoas interesadas deberán contactar co departamento municipal antes do vindeiro 15 de novembro e poden facelo chamando ao 986872401.

Este ano, a actividade estenderase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro de 2022, en dúas quendas de 8 días. Trátase dunha estancia na Residencia de Tempo Libre do Carballiño. A iniciativa é gratuíta.

 

Go to top