fbpx



A Casa Consistorial de Poio acolleu este mércores a celebración da Mesa Local de Violencia de Xénero, da que forman parte representantes dos distintos ámbitos implicados na acción contra a violencia machista no municipio de Poio. A convocatoria estivo presidida pola concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio) e contou coa presencia, entre outros, da Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno,  representantes da Garda Civil, do Equipo Vioxen, Policía Local de Poio e do Centro de Información á Muller (CIM) e Servizos Sociais, ademais de orientadores e orientadoras dos centros educativos do municipio.

A reunión serviu, entre outros temas, para reforzar a colaboración interdisciplinar e interinstitucional no traballo para eliminar todos os tipos de violencia sobre as mulleres, así como a atención ás vítimas e analizar as actuacións impulsadas ao longo do que vai de ano relativas á prevención e supresión de violencias machistas.

Neste sentido, ademais de dar conta do informe de avaliación do III Plan de Igualdade e avanzar as liñas estratéxicas da elaboración do IV Plan, tamén se expuxo a programación que se desenvolverá durante este mes de novembro con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e que será presentada ao público nos vindeiros días. Ademais, as autoridades constatan que este ano mantense unha tendencia estable nos casos e dilixencias vencelladas á violencia machista rexistrados no municipio.

Silvia Díaz incidiu na importancia da coordinación e amosou o seu agradecemento a todos os axentes implicados que forman parte deste órgano. “Debemos seguir mellorando os recursos materias e humanos dispoñibles para lograr previr, detectar e eliminar calquiera tipo de acción ou conducta violenta contra as mulleres, e promover os valores do respecto e a igualdade a todos os niveis”, aseverou Díaz, que lembra que, precisamente, as actividades da campaña do 25N irán nesa dirección, dándolle un especial protagonismo ao tecido educativo e social do municipio.

 

Go to top