fbpx

A concelleira de Benestar Social e Mocidade, a socialista Rosa Fernández, comezou esta semana a facer entrega dun obsequio conmemorativo a todos os matrimonios que neste 2021 celebran as súas vodas de ouro. Por segundo ano consecutivo, o departamento municipal optou por esta fórmula, prescindido do habitual acto que se realizaba por estas datas na Casa Rosada. “Levamos practicamente tres décadas (desde 1993) rendendo homenaxe aos matrimonios máis lonxevos de Poio, pero nesta ocasión decidimos repetir a fórmula de 2020, porque entendemos que aínda non é o momento de retomar a celebración presencial”, explica a edil do Goberno municipal.

Nesta edición, a Concellería de Benestar Social e Mocidade localizou a un total de 33 parellas que xa chegan ao medio século de vida en común, o que supón dúas máis co ano pasado. Rosa Fernández, ademais de felicitar aos e ás integrantes destes matrimonios, tamén quixo expresar o seu agradecemento “ás familias, achegados e amizades que colaboraron co Concello á hora de localizar aos matrimonios que casaron en 1971 e, deste xeito, poder facelos partícipes destas homenaxes”. Grazas a iso, a concelleira estase desprazando a todas as vivendas para entregar persoalmente un obsequio conmemorativo.

Por último, Rosa Fernández confía en que o vindeiro ano, en 2022, xa se poida retomar o acto habitual. “Para nós sería unha gran noticia que na seguinte edición poidamos retomar esta iniciativa tal e como se viña facendo habitualmente antes da chegada da COVID-19”, recoñece, ao tempo que lembra que na celebración, ademais de seren recibidos polas autoridades locais, as parellas gozaban “coas súas familias dunha tarde de grandes vivencias, rememorando anécdotas e participando nun gran baile”.

A Concellería de Benestar Social traslada os seus parabéns e mellores desexos aos matrimonios protagonistas.

 

Go to top