fbpx

O 28 de outubro de 2020 entraba en funcionamento o primeiro Centro de Compostaxe Comunitario (CCC) de Poio. O servizo púxose a disposición da veciñanza na contorna do parque de Rosalía de Castro, no núcleo de Ferreirós. Desde a súa estrea, o dispositivo está a ser utilizado por una gran número de persoas. A alta demanda provocou, ademais, que nos meses posteriores, xa no presente ano, tamén se habilitasen outros puntos de compostaxe na parroquia de San Salvador, como foi o caso da Rúa Valiña ou en Río Miño. Ademais, o de Ferreirós foi ampliado.

Segundo consta nos informes elaborados pola mestra composteira, desde a súa apertura xa se xeraron preto de 60 toneladas de compost. Desta cantidade, 40 corresponden a fracción orgánica, mentres que o restante é fracción vexetal (a madeira triturada que se usa como estruturante dos residuos da veciñanza). A tenente de alcalde, Chelo Besada (PSdeG-PSOE) explica que parte deste compost (concretamente 12,5 toneladas) foi repartido entre a veciñanza, para o seu uso en terreos, plantas, hortos e macetas. A edil responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais amosa a súa satisfacción pola gran resposta que está a dar a cidadanía á hora de facer uso deste servizo. “A implicación da xente está a demostrar que a adhesión ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra resultou todo un acerto”, sinala Besada Lores.

O interese sobre a compostaxe non se limita exclusivamente á veciñanza que vive na contorna de Ferreirós. Cada vez son máis as persoas que buscan información ou solicitan a adquisición dun composteiro individual. Neste sentido, a tenente de alcalde lembra que o Concello ten previsto licitar en breves a adquisición de preto de 700 unidades, que serán postos á disposición dos veciños e veciñas de Poio de xeito gratuíto. Ademais, tamén salienta a implicación do eido educativo e do interese que amosan os mozos e mozas de todas as idades, como así o demostra a boa acollida que están a ter as iniciativas sobre compostaxe que se desenvolven nos colexios e no IES, entre as que se inclúen, ademais de obradoiros e charlas, visitas aos Centros Comunitarios, para coñecer ‘in situ’ o seu funcionamento.

Son varias as vantaxes, tanto a nivel medioambiental como económico, que ofrece a compostaxe. Chelo Besada fai fincapé no feito de que “estas preto de 60 toneladas de residuos son restos que deixan de seren recollidos polo camión do lixo. Polo tanto, non teñen que ser transportados nin tratados por Sogama, co conseguinte aforro económico”. A concelleira socialista incide tamén na redución de emisións e o aumento da fertilidade que supón o uso do compost nas terras e hortos. “Mediante a utilización destes restos conseguimos evitar tamén o uso de fertilizantes químicos, que, en moitas ocasións, supoñen un importante foco de contaminación en manantiais, ademais de que restan produtividade á terra a longo prazo”, sinala a edil do Goberno municipal.

“De seguir nesta liña, estamos máis preto de cumprir coa norma europea sobre separación da fracción orgánica, ao mesmo tempo que se impulsa a recollida doutras fraccións de reciclaxe, o que implica un maior aforro económico dos recursos naturais”, conclúe Chelo Besada, que aposta por continuar implantando este servizo en todo o municipio, especialmente nos grandes núcleos.

 

Go to top