fbpx



Isabel Risco converterase este venres 19 de novembro na gran protagonista da terceira xornada do ciclo ‘Risadas Contadas’, unha das actividades estrela da programación de Anota Cultura. O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá, a partir das 21.00 horas, o espectáculo ‘Bravas’, gañador do III Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña e a través do cal a humorista ofrecerá a súa particular visión sobre as mulleres galegas.

Trátase dunha actuación que mistura o humor coa ciencia ficción, xa que ofrece aos e ás asistentes unha viaxe no tempo, a diferentes épocas da historia, incluído o futuro (século XXIII). A de Risco será a terceira actuación que a Concellería de Cultura ofrece a través deste programa, logo das ofrecidas por Faia Díaz e Vero Rilo (‘Apatacón, por unha peseta) e por Lois Pérez (‘Scara a lingua a p(r)acer’).

Ademais, o departamento dirixido por Raquel Rodríguez (BNG) informa de que, por motivos de axenda, producirase un cambio de datas nas últimas actuacións de ‘Risadas Contadas’. Deste xeito, o espectáculo de Sergio Pazos pasa ao venres 3 de decembro, mentres que Sergio Brandariz será o encargado de pechar este ciclo de monólogos e espectáculos de humor o vindeiro 10 de decembro. Todas as actuacións son de carácter gratuíto.

 

Go to top