fbpx



As Escolas Deportivas de Poio xa funcionan a pleno rendemento. A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, confirma que nesta temporada 2021-2022 inscribíronse máis de 500 cativos e cativas (541, concretamente), de diferentes idades, nas once modalidades ofertadas. Esta cantidade supón un incremento de preto do 30% con respecto á convocatoria 2020-2021, que estivo moi condicionada pola pandemia da COVID-19. Neste sentido, a edil do Goberno local lembra que “en todas as disciplinas estanse a seguir as pautas e protocolos que marcan as diferentes federacións, en materia de prevención e seguridade contra o virus”. Ademais, a propia Administración local tamén está moi pendente da evolución da pandemia, para “aplicar medidas en caso de que sexa necesario”.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, Caldas Moreira fai un balanzo moi positivo deste inicio das actividades deportivas. En disciplinas como ciclismo, tenis, kaiak-polo, piragüismo e taekwondo as reservas facíanse directamente a través do formulario posto a disposición da cidadanía na páxina web do Concello. “Rexistrouse unha suba de anotacións con respecto a 2020, pasando de 123 a 155”, indica a titular de Deportes. No resto de modalidades, son os propios clubs os que realizan esta xestión. A oferta deportiva complétase co baloncesto, unha modalidade que se recuperou esta temporada e que conta con preto de 40 integrantes, ademais doutras clásicas como fútbol, fútbol sala, balonmán, tríatlon ou ximnasia rítmica. As Escolas Deportivas manteñen as mesmas cotas de inscrición que en edicións pasadas. Marga Caldas expresa o seu agradecemento ao “gran traballo que desenvolven os clubs do noso municipio, en colaboración co Concello, para manter unha oferta deportiva de nivel. Temos claro que o deporte é sinónimo de saúde e esa vai continuar sendo a nosa aposta”, afirmou, á vez que lembrou que “en Poio hai unha gran canteira de deportistas en diferentes categorías e niveis”.

Por outra banda, a concelleira de Deportes tamén confirmou a intención de recuperar a proposta xurdida en 2019 de promover un novo formato de presentación das Escolas Deportivas de Poio. Nos últimos anos, antes da chegada da pandemia, o pavillón polideportivo da Seca acollía a principios de decembro un acto que servía de posta en escena para as categorías das diferentes modalidades. Sen embargo, xa en 2019 o Consello Municipal de Deportes acordara buscar unha fórmula alternativa para dar un novo pulo ao evento. “Por desgraza, tanto en 2020 como en 2021 a COVID-19 non nos permitiu desenvolver esa idea, pero a nosa intención, atendendo ao desexo expresado polos clubs, é ofrecer un formato innovador, que axude a visibilizar, promocionar e poñer en valor ás Escolas Deportivas”, indica Marga Caldas. “En definitiva, será unha xornada que queremos que se consolide como a da gran festa do deporte”.

Deste xeito, trabállase na idea de organizar un evento ao aire libre en 2022. “O ideal á facelo en primavera ou a principios de verán, para que as condicións meteorolóxicas acompañen e as ED poidan saír á rúa para ofrecer información sobre o seu traballo á veciñanza”, indica a edil nacionalista, que confirma que se consensuará a data co tecido deportivo.

 

Go to top