fbpx

A Concellería de Cultura informa de que o vindeiro mércores 1 de decembro a Biblioteca Municipal, situada en Campelo, acollerá o obradoiro de debuxo ‘As pegadas de Petra’. Trátase dunha iniciativa que desenvolve a firma pontevedresa Culebra Studio, en colaboración co organismo Terras de Pontevedra.

O taller está destinado a crianzas de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, e ten coma obxectivo achegar técnicas e pautas aos cativos e cativas, de xeito que poidan potenciar a súa creatividade plasmala en imaxes feitas por eles mesmos. O ciclo terá dúas horas de duración, dando comezo ás 16.30 horas e finalizando ás 18.30 horas. O número de prazas é limitado e a iniciativa desenvolverase cumprindo con todas as medidas sanitarias correspondentes que marcan as autoridades por mor da pandemia da COVID-19.

O obradoiro consta de dúas partes, tal e como sinala a edil de Cultura, Raquel Rodríguez. Durante a primeira, os nenos e nenas terán ocasión de ver a proxección do cómic animado As pegadas de Petra, que consta a historia de como a protagonista emprende unha viaxe polos concellos que forman parte de Terras de Pontevedra, poñendo en valor a súa riqueza patrimonial e cultural. Unha vez finalizada a proxección, os e as inscritas terán ocasión de realizar ilustracións nas que acheguen a súa visión sobre o cómic.

Esta actividade súmase ás iniciativas que a Biblioteca Municipal de Campelo desenvolve ao longo de todo ano, pensadas para persoas de todas as idades.

 

Go to top