fbpx

Poio recicla o Nadal é o nome dunha campaña informativa que o Concello, a través da Concellería de Obras e Servizos Municipais, dirixida pola tenente de alcalde socialista, Chelo Besada, porá en marcha nas vindeiras datas. Tal e como explica a propia titular deste departamento, o obxectivo é continuar concienciando á cidadanía da necesidade de darlle un tratamento axeitado aos residuos, especialmente nunha época na que o consumo crece de xeito exponencial.

A través da empresa responsable da recollida e tratamento de residuos sólidos, Valoriza, achegarase información de interese á cidadanía, a través de folletos nos que, ademais de falar dos beneficios de cara ao medio ambiente e no aspecto económico que supón a reciclaxe, tamén se achegan teléfonos de contacto de servizos que o Concello de Poio ofrece neste eido, como son o Punto Limpo Móbil, que cada semana se despraza a cada parroquia da vila, ou a recollida a domicilio de voluminosos.

Chelo Besada indica que proximamente se iniciará o reparto dun milleiro destes folletos informativos, dos que se farán entrega en establecementos e locais comerciais do concello, para que estean a disposición da veciñanza. “Nestas datas de Nadal, nas que probablemente o consumo aumentará de xeito considerable, é importante que todos e todas fagamos un esforzo para continuar respectando a nosa contorna e, ao mesmo tempo, poidamos continuar a ser un exemplo en materia de reciclaxe, que é algo do que nos debemos sentir moi orgullosas e orgullosos, e que, sen dúbida, tamén axuda a proxectar unha imaxe moito máis reforzada e positiva de Poio”, sinala a tenente de alcalde. Sobre este aspecto, a concelleira do PSdeG-PSOE salienta a “gran resposta” da veciñanza “desde o momento á hora de utilizar os servizos que facilitan o tratamento axeitado de residuos, o que redunda nun maior respecto polo medio ambiente”.

Incremento na recollida de voluminosos


Precisamente, un dos feitos que demostran ese compromiso por parte da cidadanía ten que ver co bo funcionamento que está a ter o servizo de recollida a domicilio de voluminosos. Entre os meses de xaneiro e outubro do presente ano xa se retiraron unhas 150 toneladas aproximadamente deste tipo de residuos, entre os que se poden atopar colchóns, mobles, electrodomésticos, bombillas, pilas, roupa e chatarra. Isto supón un incremento aproximado de 2,5 toneladas mensuais con respecto aos datos que se recolleron durante 2020. “Esta é a proba de que esta prestación funciona e que os veciños e veciñas de Poio confían nela”, corrobora Chelo Besada.

De todos estes residuos, a maior cantidade corresponde a restos de madeira e mobles, cun total de 104,7 toneladas retiradas no que vai de ano. Tamén destacan as preto de 41 toneladas correspondentes a chatarra. Plásticos (1,7) e electrodomésticos e dispositivos (5,4) completan o listado. A concelleira de Obras e Servizos Municipais lembra que este servizo é gratuíto e está operativo de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00 horas. O teléfono de atención ao público é o 986771185. Besada salienta que, ademais de para solicitar a retirada de restos, “tamén son moitas as persoas que se poñen en contacto para consultar dúbidas e solicitar asesoramento”. Con este tipo de prestacións, o Concello segue coa súa folla de ruta para erradicar o abandono ou o tratamento incorrecto de residuos, algo que “tamén dana a imaxe do municipio, algo que resulta especialmente grave tendo en conta que somos un referente turístico”.

Chelo Besada finaliza agradecendo, unha vez máis, o compromiso da veciñanza e confía en que “se manteña e mesmo se supere” durante as datas de Nadal.

 

Go to top