fbpx



Tres mulleres profesionais do eido das industrias creativas serán as protagonistas do cuarto e último faladoiro do ciclo ‘A forza das mulleres’, impulsado pola Concellería de Igualdade. Ao igual que as tres citas anteriores, este encontro realizarase ‘on line’ e poderá seguirse a través da canle de Youtube do Concello de Poio, a partir das 20.00 horas do mércores 15 de decembro. A concelleira responsable deste departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), lembra que esta iniciativa telemática ten coma obxectivo dar voz ás mulleres que desenvolven o seu traballo en diferentes sectores, dando visibilidade ás súas traxectorias profesionais e experiencias vitais. O ciclo iniciouse cun faladoiro no que tomaron parte emprendendoras e responsables de negocios do municipio, no mes de marzo, e continuou con outras dúas convocatorias vía ‘streaming’ nas que participaron profesionais da sanidade e deportistas, respectivamente.

Agora, as encargadas de compartir as súas experiencias no mundo da creación artística serán Lúa Gándara, Ángela Ogando e Andrea López Iglesias. A primeira delas, natural do concello do Porriño e residente no Sartal, é unha artista multidisciplinar, cuxa obra plástica foi protagonista en numerosas exposicións. Ademais, neste 2021 vén de gañar o premio “IX Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia” e o certame “Xurado Novo” na Sección “Contemporánea” no INTERSECCIÓN Contemporary Audiovisual Art Festival. Pola súa banda, a poiense Ángela Ogando formouse como fotógrafa artística na Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso (A Coruña), estudou Deseño de Moda (ESDEMGA) e especializouse en vestiario no Centro de Tecnoloxía do Espectáculo (Madrid). Traballou na Compañía Nacional de Danza, o Ballet Nacional, nos musicais El Rey León e El Guardaespaldas ou no Teatro da Zarzuela, entre outros. Na actualidade traballa para marcas de moda sostibles creando imaxes de moda e produto para redes sociais. Por último, a artista plástica e educadora Andrea López Iglesias, veciña de Raxó, conta con ampla formación e experiencia en arteterapia. No campo artístico, realizou estancias na Universidad de Barcelona (Beca Séneca – sicue, 2007-2008) e na Universidad de las Américas, Puebla, México (Beca Internacional Iberoamérica, 2008-2009). Dispón de obra en coleccións privadas (no Instituto Municipal de Arte e Cultura de Puebla, na Universidad de las Américas, no Centro Español de Manhattan, en Nova York). Participou en exposicións colectivas en España, México, Nepal e Nova York. Entre as súas exposicións individuais, destaca a realizada no Museo de Pontevedra: Los nuevos rostros del Tibet en 2014.

A concelleira de Igualdade agradece a participación das mulleres protagonistas deste ciclo de faladoiros, que contribúen a crear un espazo para compartir experiencias e no que coñecer as diversas problemáticas ás que se enfrontan as mulleres no eido profesional e persoal. O coloquio estará moderado pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, e pola psicóloga Lidia Fazanes.

 

Go to top