fbpx

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o borrador do convenio que o Concello asinará coa Deputación de Pontevedra para a obtención de fondos a través do programa ReacPon (Reacciona Pontevedra), impulsado pola máxima institución provincial. Unha vez superado este trámite, está previsto que nos vindeiros días se proceda a asinar o documento, que permitirá á Administración municipal dispoñer dunha importante contía económica para impulsar un ambicioso proxecto de mellora de mobilidade, humanización e posta en valor na contorna de Portosanto, Saíñas e A Puntada, na parroquia de San Salvador.

Estas xestións foron levadas a cabo pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo. O seu responsable, o socialista Gregorio Agís, lembra que Poio percibirá uns 942.000 euros da Deputación para custear  estas obras. Tal e como figura no documento, estes orzamentos deberán estar executados antes do 30 de abril do ano 2023. Agís amosa a súa satisfacción pola obtención desta axuda, xa que “permitirá poñer en valor e impulsar unha importante transformación nun dos núcleos máis importantes de San Salvador”. Ademais, agradeceu á Deputación de Pontevedra que impulse programas como ReacPon, a través do cal os concellos de menos de 50.000 habitantes “teñen a oportunidade de impulsar proxectos de gran calado e de mellora da calidade de vida da cidadanía”.

Unha vez se complete toda a tramitación previa, que será asumida polo Concello, a empresa que resulte gañadora do concurso de licitación desenvolverá traballos que incluirán a renovación e dotación de servizos básicos, así como á humanización de diferentes espazos, facendo especial fincapé na seguridade peonil e na redución da pegada de carbono, respectando en todo momento as construcións tradicionais. Neste sentido, Gregorio Agís incide na importancia de levar a cabo unha actuación deste tipo nunha zona “de moito tránsito”, xa que nesta contorna se atopan varios lugares de interese, como a Casa Museo de Colón, a escola infantil de Saíñas ou un área recreativa. “A obra suporá un antes e un despois para a veciñanza de San Salvador”, concluíu o edil de Promoción Económica e Urbanismo.

 

Go to top