fbpx

Os operarios municipais veñen de rematar estes días uns traballos de mellora a posta a punto dun espazo situado nas proximidades do igrexario de Samieira. A concelleira responsable de Obras e Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada, pasou revista este xoves á zona, acompañada polo titular de Urbanismo, Gregorio Agís. Os edís socialistas explicaron que as tarefas, que se prolongaron durante varias semanas, consistiron na posta a punto da superficie, que pasa a contar con pavicéspede.

Esta nova superficie substitúe á anterior, composta por xabre. Ademais de contar cun mellor aspecto, esta modificación tamén garante unha mellor conservación do terreo, que, ademais, agora é máis amplo e conta cun maior aproveitamento.

A maiores, os operarios municipais tamén procederon á instalación de dous bancos. Chelo Besada explicou que a actuación era moi necesaria, xa que “esta zona é un punto de encontro moi habitual para a veciñanza, especialmente nos días nos que se celebran actos relixiosos na igrexa de Samieira”. Cómpre lembrar que o ano pasado tamén se procedeu á posta a punto dunha explanada situada nas proximidades do templo, de xeito que pode ser utilizada como aparcadoiro nas xornadas de actos relixiosos. Este espazo conta cunha capacidade para acoller a máis de 100 vehículos e o seu uso evita que se produzan aglomeracións na estrada PO-303.

 

Go to top