fbpx

A concelleira de Deportes, Normalización Lingüística e Memoria Histórica, Marga Caldas, e a edil responsable de Educación, Raquel Rodríguez, asistiron hoxe á presentación da exposición ‘Galiza. Un pobo, unha selección’, que se inaugurará o vindeiro luns 17 no IES de Poio e permanecerá operativa ata o venres 21. As concelleiras nacionalistas estiveron acompañadas por responsables do centro educativo e Anxo Louzao, do colectivo Vía Galega, que é o encargado da organización desta mostra itinerante, que xa visitou varios concellos do país.

Tal e como explicou Caldas Moreira, a exposición está composta por 20 paneis situados no segundo e terceiro e andar do instituto, a través dos cales se fai un repaso á traxectoria histórica do deporte galego, ao mesmo tempo que busca “reivindicar o dereito de Galicia a competir a nivel oficial e internacional en todo tipo de disciplinas deportivas”. Estes paneis, nos que o alumnado o IES poderá atopar información en forma de textos explicativos e imaxes, tamén seguen a filosofía da iniciativa de potenciar e dar visibilidade a prácticas deportivas autóctonas, como é o caso da billarda, unha modalidade “coa que en Poio estamos fortemente comprometidos no que ao seu desenvolvemento e posta en coñecemento se refire”, lembrou a edil do Goberno municipal. Galeguizar o deporte, dar a coñecer a historia deportiva do país entre as novas xeracións e impulsar a igualdade de xénero son outros dos obxectivos que se perseguen a través desta exposición.

A maiores, o IES tamén acollerá o vindeiro luns, a partir das 16.30 horas, dúas conferencias vencelladas a esta temática, impartidas por responsables de Vía Galega e por Xan Rodiño, impulsor da Liga Nacional de Billarda. Ademais, tamén se proxectará un documental. Esta actividade estará dirixida ao alumnado de 2º de ESO.

Marga Caldas e Raquel Rodríguez agradeceron aos responsables da exposición o seu esforzo á hora de reivindicar estes valores e obxectivos, ao mesmo tempo que fixeron fincapé na importancia de que “a nosa mocidade teña a posibilidade de coñecer a fondo a traxectoria e a historia de Galicia en todos os seus eidos, desde o social e o cultural, pasando tamén polo deporte”.

 

Go to top