fbpx

O Pleno da Corporación aprobou na sesión ordinaria de xaneiro un dos primeiros trámites necesarios para facer realidade o Plan Integral que o Concello de Poio, a través da Concellería de Seguridade Cidadá, quere impulsar na contorna do peirao de Combarro, co fin de garantir estacionamento para residentes e turistas, ao mesmo tempo que se pon en valor un modelo de turismo e mobilidade totalmente sustentables. Deste xeito, deuse o visto bo á solicitude de concesión demanial de varias parcelas situadas no Paseo das Redeiras.

Tal e como lembrou na súa intervención a edil responsable deste departamento, a nacionalista Marga Caldas, son tres espazos que ata o de agora pertencían a Portos e que, grazas a este acordo, pasarán a ser de xestión municipal.

Dous destes terreos xa se utilizan na actualidade como estacionamento e, mediante este convenio, pasarán a ser de uso para residentes no casco histórico. A maiores, contémplase habilitar 25 novas prazas de estacionamento  e esparcemento. Para iso, modificarase o emprazamento do parque infantil do Paseo das Redeiras. A concelleira de Seguridade Cidadá garantiu que esta actuación será “totalmente respectuosa coa contorna, seguindo coa nosa filosofía de apostar por espazos verdes e zonas de esparcimento”. A área de xogos trasladarase a outro enclave máis próximo ao núcleo. Aproveitarase ese traslado para facer unha mellora importante do parque, con novos aparellos.

A edil do Goberno local incidiu na importancia de facer realidade este primeiro paso do futuro plan integral, grazas ao cal “as persoas residentes no núcleo de Combarro contará con preto de 80 prazas, o que dará resposta unha demanda histórica, dadas as dificultades que experimentan na época estival para estacionar os seus vehículos”. Ademais, Caldas garantiu que esta medida non limitará as prazas libres para visitantes, xa que “o plan contempla reverter máis prazas na zona portuaria”. A concelleira do BNG comprometeuse a manter proximamente unha reunión coa veciñanza da zona para que poidan coñecer de primeira man todos os detalles deste plan de actuación. A concesión demanial contempla, asemade, a cesión do espazo necesario para acometer a mellora do peche cuberto da nave de piragüismo.

Ademais, Caldas lembrou que o Concello xestionou a adquisición de parcelas de titularidade privada, de cara a convertelas en aparcadoiros disuasorios proximamente. “Imos seguir a traballar para cubrir as necesidades da veciñanza, ao mesmo tempo que impulsamos un turismo no que poidamos evitar o colapso nesta zona tan emblemática como é Combarro, cunha proposta de mobilidade e turística sustentable, ao mesmo tempo que protexemos o noso patrimonio”, finalizou Marga Caldas.

 

Go to top