fbpx

O Concello de Poio ten previsto repoñer no menor tempo posible a parte da superficie de céspede sintético que foi roubada por uns descoñecidos hai uns días no parque infantil de Saíñas, na parroquia de San Salvador. Os operarios municipais procederán a instalar o tapete naquelas zonas nas que foron retiradas polos vándalos, tal e como confirmou o concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Xosé Luís Martínez.

O Concello é consciente de que este é un espazo aberto de lecer para crianzas que é moi utilizado pola veciñanza deste núcleo de San Salvador, polo que aposta por telo a punto nas mellores condicións. As tarefas concluirán en poucos días. Ademais, a Administración local lamenta “o comportamento incívico dalgúns individuos” que, con este tipo de accións, “o único que conseguen é danar unhas instalacións que están a disposición da cidadanía”. Os traballos lévanse a cabo para garantir que as crianzas poidan utilizar os aparellos con toda a comodidade e seguridade.

Por outra banda, os operarios municipais tamén procederon nos últimos días a completar os traballos de poda e mantemento das árbores situadas na Alameda de San Xoán, nas inmediacións do Consistorio e do Mosteiro. Trátanse de preto de 20 exemplares de plátanos de sombra, nos que cada ano, de xeito periódico, se traballa nas súas ramaxes, para evitar desprendimentos e garantir a boa saúde das árbores. Para poder garantir a seguridade foi preciso restrinxir temporalmente o aceso de vehículos.

 

Go to top