fbpx

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, informa da convocatoria dunha reunión que terá lugar este domingo 30 de xaneiro, a partir das 12.00 horas, na contorna da capela da Virxe da Renda, na parroquia de Combarro. Trátase dun encontro que se organiza para trasladar á veciñanza os detalles do anteproxecto da actuación que servirá para efectuar unha rehabilitación integral da contorna do núcleo do Xuviño. Tal e como explica o responsable deste departamento, a cita lévase a cabo non só para dar a coñecer os detalles do proxecto, que actualmente se atopa en fase de redacción, senón tamén “para recoller as achegas e suxestións que as persoas que viven na zona estean interesadas en realizar”.

“O obxectivo é dar vida a un proxecto o máis completo e co maior número de matices posible, dentro da filosofía que seguimos a través deste tipo de actuacións, coas que buscamos a posta en valor de núcleos tradicionais, reforzar a seguridade viaria e a mobilidade, ao mesmo tempo que tratamos de reducir a pegada de carbono e emisións nocivas para o medio ambiente”, indica o concelleiro de Urbanismo. Gregorio Agís recorda que a mellora do lugar de Xuviño contará cun orzamento que ascende a máis de 300.000 euros e levarase a cabo grazas aos fondos xestionados de xeito directo polo departamento de Promoción Económica ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE). A achega supera os 250.000 euros. Os fondos pertencen ao Programa Operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020, pensado para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. A reunión celebrarase ao aire libre e cumprindo con todas as medidas pertinentes dada a situación sanitaria.

A redacción do proxecto foi sacada a licitación a finais do ano pasado, resultando gañadora do concurso a firma especializada Deseños Estruturas e Viais, cun orzamento de 16.000 euros. Gregorio Agís explica que, unha vez celebrada a reunión, “recolleremos as propostas que sexan factibles de incluír na actuación”. Unha vez finalizada a redacción do proxecto, procederase á súa aprobación definitiva e, posteriormente, sairían as obras a licitación. Neste sentido, o concelleiro do Goberno municipal estima que “se non se producen imprevistos estimamos que a licitación dos traballos podería estar lista antes do verán”.

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo explica que esta folla de ruta vaise manter á hora de facer realidade outros proxectos similares, como son a mellora de Ramón Encinas, tamén financiada a través de fondos europeos do IDAE, ou a ambiciosa rehabilitación que se levará a cabo nos lugares de A Puntada, Saíñas e Portosanto, en San Salvador, ao abeiro do Programa ReacPon da Deputación de Pontevedra e que contará cun orzamento próximo ao millón de euros. “Estamos a falar de actuacións que mellorarán de xeito substancial a calidade de vida da cidadanía e queremos que a veciñanza estea puntualmente informada sobre o proxecto, ao mesmo tempo que lle se lles ofrece ás persoas residentes a posibilidade de realizar as súas achegas”, concluíu Agís Gómez.

 

Go to top