1.- OBXECTO
O Concello de Poio establece esta convocatoria de concurso co fin de preservar o patrimonio cultural e fomentar o interese polas actividades culturais e festivas tradicionais do noso municipio.
As presentes bases teñen por obxecto regular o procedemento da concesión de premios do concurso dos Maios para o ano 2022, que se celebrará o día 1 de maio, ás 11 horas, no Recinto da Seca (Poio).
2.- CRÉDITO ORZAMENTARIO
Para a concesión dos premios obxecto desta convocatoria, destinaranse un crédito de 5.400 €, correspondente á aplicación orzamentaria Nº 334 4801 do orzamento de gastos para o exercicio 2022.
3.- PARTICIPANTES
Poderán participar no concurso dos Maios as persoas físicas, asociacións, grupos, colectivos, centros escolares e agrupacións de persoas físicas ou xurídicas sen personalidade, que formalicen a súa inscrición para participar no concurso de Maios 2022.
Un membro de cada un dos colectivos participantes deberá asistir ás reunións que para o efecto sexan convocadas polo Concello de Poio.
4.- PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN
É condición imprescindible que os Maios que participen no concurso se inscriban no Rexistro Xeral do Concello de Poio, presentando o modelo xenérico de solicitude xunto con once copias das coplas, a través da sede electrónica do Concello ou ben con cita previa.
O prazo de inscrición para participar será do 21/04/2022 ao 28/04/2022 ambos inclusive.
Na solicitude deberá constar o nome, enderezo e teléfono de contacto/correo electrónico da persoa representante do Maio.
5.- REQUISITOS DOS MAIOS PARTICIPANTES
Os maios participantes deberán presentarse no lugar da Seca (Poio) antes das 11 horas do día 1 de maio para a súa inspección polo xurado; aqueles Maios que non estean á hora indicada quedarán descualificados.
Serán susceptibles de obteren os premios regulados nestas bases os maios que cumpran os seguintes criterios:
a) O maio será tradicional de Poio, de forma cónica, adornado con produtos tradicionais na confección e armazón (fiúncho, pampullos, margaridas, laranxas e ovos de galiña, flores silvestres propias da zona empregadas tradicionalmente nos maios, no seu estado natural.)
Tamén se aceptarán, por ser tamén de tradición local: cartuchos, calas, camelias, palitroques e rosas silvestres.
Calquera outro elemento de adorno será penalizado.
b) O armazón non terá estrutura metálica aínda que se permiten os aros de barril.
C) Deberá estar atado con vimbias ou similar e non poderá levar rexinllas de plástico nin redes.
d) Serán valorados elementos de tipo técnico (como a uniformidade do manto de fiúncho e a elaboración uniforme das coroas) e artísticos (a distribución dos adornos no Maio, a composición de formas e cores, etc.).
e) Cada Maio poderá participar cunha soa coroa, que deberá estar colocada cando menos durante a actuación do Maio.
f) A utilización dos materiais para confeccionar a estrutura da coroa será libre. O tamaño da coroa gardará proporción co Maio, non podendo superalo en altura.
g) A decoración da estrutura da coroa será con flores e follas naturais, silvestres e de tempada, propias da zona e empregadas tradicionalmente nos maios, no seu estado natural).
h) As coplas deberán ter a seguinte composición: estrofas de catro versos de 7 ou 8 sílabas, rimando a 2ª coa 4ª.
i) Nas cantigas valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados. Penalizarase o uso de coplas copiadas de anos anteriores.
j) Na interpretación valorarase o emprego do canto tradicional do maio, así como a entoación, ritmo e actuación do conxunto. Tamén se valorará o uso dos materiais de acompañamento (paus de man ou estadullos).
k) Na actuación de cada maio serán interpretadas CATRO estrofas.
l) Só se aceptará a presentación dun barco por cada maio participante.
m) Os barcos deberán ser de tipo tradicional galego.
Quedarán á interpretación do xurado todos aqueles aspectos non contidos nos presentes criterios.
6.- ACTUACIÓN DOS MAIOS
A orde de actuación dos maios será elixida por sorteo, antes do comezo do concurso.
O acto da Festa dos Maios terá a seguinte orde de actuación:
1. Actuación dos Maios.
2. Actuación dun grupo de música tradicional.
3. Entrega de Premios.
7.- XURADO CUALIFICADOR
O xurado estará formado polos membros da Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Poio.
O xurado emitirá o seu veredicto a través do sistema de puntuación seguinte:
a) Cada membro do xurado deberá puntuar cada maio cunha nota do 1 a 10.
b) A puntuación total será a obtida da división efectuada entre a suma do total puntuado e a suma do número de membros do xurado que puntúan en cada caso.
c) As puntuacións realizaranse nunha grella proporcionada para o efecto que será entregada á secretaría do xurado ao remate das actuación de todos os Maios concursantes.
O xurado concederá os premios aos maios participantes e redactará a acta do resultado.
O ditame do xurado será inapelable en todo caso.
8.- PREMIOS
Os maios concursantes percibirán os seguintes premios por cada modalidade:
Premios ao mellor CONXUNTO
- 1º Premio ......................................................220,00 €
- 2º Premio ......................................................180,00 €
- 3º Premio ......................................................150,00 €
Premios ao mellor MAIO
- 1º Premio ......................................................150,00 €
- 2º Premio ......................................................120,00 €
- 3º Premio ......................................................100,00 €
Premios ás mellores COPLAS
- 1º Premio ......................................................150,00 €
- 2º Premio ......................................................120,00 €
- 3º Premio ......................................................100,00 €
Premios á mellor COROA
- 1º Premio ......................................................150,00 €
- 2º Premio ......................................................120,00 €
- 3º Premio ......................................................100,00 €
Premios á mellor ACTUACIÓN
- 1º Premio........................................................150,00 €
- 2º Premio .......................................................120,00 €
- 3º Premio .......................................................100,00 €
Premios á mellor BARCO GALEGO TRADICIONAL
- 1º Premio........................................................150,00 €
- 2º Premio .......................................................120,00 €
- 3º Premio .......................................................100,00 €
Polo feito de participar, cada maio recibirá dúas roscas e 200 euros.
As letras dos maios premiados poderán ser publicadas polo Concello de Poio, citando a procedencia e sen que os seus autores teñan dereito a percibir ningunha cantidade.
9.- PUBLICIDADE
As bases e a súa convocatoria será publicada na sede electrónica do Concello, na páxina web do Concello de Poio, complementariamente no taboleiros de anuncios.
10.- DISPOSICIÓN FINAL
A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases.
A Concelleira de Cultura e Educación