fbpx

A concelleira de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, salienta o bo funcionamento do operativo deseñado en Combarro polo departamento municipal, con motivo das datas festivas de Semana Santa, e que incluía a dotación de prazas de estacionamento para residentes do centro nas rúas Maceira e Baixada á Chousa. Segundo constata a edil do Goberno local, a cidadanía deu cumprimento a esta medida “de xeito exemplar”, como reflicte o feito de que non fose preciso tramitar ningunha sanción polo uso indebido destes 30 aparcadoiros, que tiñan unha duración máxima de 24 horas para garantir o seu carácter rotatorio e acadar un maior aproveitamento.

Caldas destaca tamén a implicación da veciñanza á hora de asesorarse, xa que foron varios os veciños e veciñas que se puxeron en contacto coa Policía Local para resolver dúbidas. O plan de tráfico tamén serviu para controlar a circulación, que, tal e como se agardaba, incrementouse de xeito exponencial ao seu paso polas inmediacións do casco histórico, na PO-308. “Detectamos niveis de tránsito superiores aos anos previos á pandemia da COVID-19, especialmente durante o Venres Santo e o sábado”, explicou a responsable de Seguridade Cidadá, que incide en que houbo retencións puntais. Unha das incidencias que provocou este tipo de situacións foi un accidente rexistrado durante a fin de semana.

“Continuamos a traballar para dotar de máis espazos de aparcamento á contorna do núcleo de Combarro”, recalcou Caldas Moreira, que lembra que o Concello está actualmente a tramitar a adquisición de novas parcelas para aparcadoiros disuasorios. Ademais, a Administración local tamén está pendente de recibir o visto bo de Portos de Galicia ao proxecto que servirá para habilitar máis de medio cento de espazos de xestión municipal ao longo do Paseo das Redeiras. De cara ao futuro, outro obxectivo que se marca a Concellería de Seguridade Cidadá é buscar fórmulas para evitar o estacionamento indefinido de autocaravanas no propio Paseo das Redeiras.

Por último, Marga Caldas tamén salienta o bo funcionamento das paradas habilitadas na PO-308 para autobuses, cunha estancia máxima de 15 minutos, e da área de autocaravanas situada na Seca, onde se habilitou a explanada de billarda para aumentar a súa capacidade, tal e como xa se vén facendo desde hai algúns anos na tempada estival.

 

Go to top