fbpx



A Concellería de Urbanismo está a elaborar  un proxecto para impulsar a mellora da seguridade viaria e de servizos no lugar de Chancelas, na parroquia de Combarro. En concreto, o ámbito de actuación céntrase no Camiño Real, entre os de A Bouza e Urxeira. Segundo sinala o concelleiro titular desta área, o socialista Gregorio Agís, o orzamento para levar a cabo esta actuación ascenderá a un total de 104.104,42 euros, IVE engadido, e será financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, na súa convocatoria correspondente a 2022.

Agís incide na importancia desta obra, que resulta “imprescindible”, dado o estado de deterioro que presenta este tramo. Ao desgaste que provoca a circulación do tráfico rodado hai que engadirlle a escorrentía que se produce cando se rexistran precipitacións de certa intensidade. “Todo isto provoca que a situación de conservación do firme quede afectada moi negativamente”, apunta o concelleirro do Goberno municipal, que explica que á hora de redactar o proxecto tívose en conta este feito, ao mesmo tempo que se inclúen medidas para o calmado do tráfico. “Queremos que esta zona quede nas mellores condicións posibles, xa que o Camiño Real é moi utilizado pola veciñanza de Combarro”, apunta o edil do PSdeG-PSOE.

A actuación levarase a cabo nunha superficie que chega ata case os 500 metros de lonxitude, contemplándose o asfaltado nunha extensión de preto de 2.300 metros cadrados. O proxecto contempla a dotación de cunetas de evacuación de augas pluviais, ademais do mencionado reasfaltado, que tamén servirá para mellorar o acceso ás parcelas agrícolas existentes na zona. A maiores, instalarse unha plataforma para o tránsito rodado de 4 metros de anchura, ademais dunha senda peonil. “Desta maneira, acadamos unha integración sostible das parroquias de Samieira e Combarro en xeral e dos núcleos de Camiño Urxeira e Camiño da Bouza en particular”, apunta Gregorio Agís, que recalca que as obras “conferirán a este tramo dunhas características especiais, que fomentarán o transporte sostible e o calmado do tráfico existente”.

Esta actuación, lembra o concelleiro de Urbanismo, vai en consonancia co establecido no Plan de Mobilidade Urbanística Sostible (PMUS) para esta zona. O documento, aprobado en 2019 polo Goberno local, contempla, precisamente, a dotación de sendas peonís.

 

Go to top