fbpx

A concelleira de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández (PSOE), informa de que o Concello de Poio súmase ao programa ‘Depotermal’, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten o obxectivo de reforzar as propostas de lecer para as persoas maiores. A iniciativa está dirixida á veciñanza de máis de 50 anos. Un requisito indispensable para inscribirse é estar empadroado ou empadroada en Poio. A edil de Benestar Social explica que o prazo para as anotacións permanecerá aberto ata o vindeiro venres 29 de abril. Poderase solicitar cita previa na Casa Rosada para realizar a tramitación ou realizala de xeito ‘on line’, na páxina web da Deputación. As persoas beneficiarias poderán elixir entre dous programas termais diferentes (de asistencia diaria ou con pernoctación).

No primeiro caso, inclúese o transporte ata o establecemento termal, no que se poderá gozar durante dúas horas ao día, cinco tarde seguidas, deste servizo. Polo que respecta á modalidade de pernocta, trátase dunha estancia de seis días (cinco noites), en réxime de pensión completa, nun hotel con balneario, talaso, spa ou instalacións similares na provincia de Pontevedra. Ademais, tamén se inclúen actividades de animación sociocultural.

Excursión a Monçao

Por outra banda, Rosa Fernández tamén confirmou que o departamento municipal organiza, a maiores, unha excursión á localidade lusa de Monçao, na que tamén se oferta unha estancia nun hotel 4 estrelas, con aloxamento e pensión completa. Neste caso, o prezo será de 198 euros por persoa. A saída está prevista para o vindeiro 23 de maio, ás 11.00 horas desde a Casa Rosada, coa volta o día 27 do mesmo mes. En total, serán cinco días, con catro noites de estancia.

A edil socialista amosa a súa satisfacción polo feito de poder ir retomando este tipo de iniciativas, que se viron interrompidas en 2020 por mor da pandemia da COVID-19. “Estamos felices de poder volver a facer estas saídas, logo de tantos meses nos que as persoas maiores foron un dos colectivos que máis padeceron a situación sanitaria”, indica.

 

Go to top