fbpx

A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, mantivo hai uns días unha reunión con responsables do Club de Piragüismo e da Escola Marítima de Combarro para trasladarlles os detalles dun proxecto que o Concello de Poio ten previsto acometer para mellorar as instalacións da nave situada no porto deportivo e que é moi utilizada polos e polas deportistas de ambas entidades. Tal e como salienta a edil do Goberno local, trátase dunha actuación que “se impulsa tendo en conta as inquedanzas e necesidades que nos trasladan os clubs”.

Unha das cuestións nas que se fará fincapé será na mellora de accesibilidade. Ademais, habilitaranse novos aseos para persoas con problemas de mobilidade. A renovación integral dará resposta, asemade, a outras cuestións loxísticas. Así, o proxecto contempla que na planta baixa se aumente o espazo para o almacenamento de embarcacións. O ximnasio experimentará tamén unha importante mellora. A actuación completarase coa ampliación da primeira planta e a dotación de novas oficinas, das que poderán facer uso os clubs. Marga Caldas sinala que o orzamento para executar esta obra ascenderá a uns 50.000 euros aproximadamente. Os traballos serán custeados a través do Remanente de Tesourería resultante da liquidación do exercicio de 2021.

De cara ao futuro, a concelleira de Deportes confirma que a intención do Concello tamén pasa por levar a cabo unha ampliación da parte exterior da cuberta desta infraestrutura. “Con esa obra queremos dar resposta a outra das peticións que nos trasladan os clubs, xa que lles permitiría deixar a resgardo os remolques e o material que utilizan habitualmente para adestrar e competir”. Neste sentido, Marga Caldas lembra que a Administración local ten proxectada esta actuación, pero está á espera de que Portos de Galicia valide a concesión demanial, aprobada hai uns meses polo Pleno da Corporación, necesaria para poder acometer os traballos. “Mentres tanto, imos avanzando en actuacións que non dependen de Portos, co obxectivo de provocar os menos prexuízos posibles aos e ás deportistas”, conclúe a titular de Deportes.

 

Go to top