fbpx

Dous anos e dous meses despois, os Plenos volven a celebrarse de xeito presencial no Concello de Poio. A sesión ordinaria de abril, celebrada este martes 26, supuxo o retorno ‘in situ’ de todos os membros da Corporación municipal á Casa Consistorial, logo de que a pandemia da COVID-19 motivase que estas sesións tivesen que desenvolverse de xeito telemático. O alcalde, Luciano Sobral, sinala que “a situación de nova normalidade que vivimos na actualidade permítenos retomar a fórmula habitual”, se ben, de momento, o aforo de público fica aínda moi reducido, por cuestións de espazo. En todo caso, o rexedor recorda que a veciñanza ten a posibilidade de visualizar os debates en directo a través de Internet, accedendo á páxina Plenos do Concello en Youtube, onde tamén se poden consultar convocatorias correspondentes a meses anteriores.

O último Pleno presencial celebrado en Poio data de febreiro de 2020, que tivo lugar unhas semanas antes de que o Goberno central decretase o estado de alarma e o inicio do confinamento, por mor da expansión do virus. Este feito provocou que non se puidesen organizar as sesións ordinarias de marzo e abril daquel ano. A partir de maio comezaron as convocatorias de carácter telemático. O alcalde Sobral explica que, ademais dos Plenos, desde hoxe tamén xa se celebran con normalidade e carácter presencial todos os órganos locais, como son as Comisións Informativas, as Xuntas de Goberno Local e as Xuntas de Portavoces.

Pago a provedores

Entre os asuntos abordados durante a sesión plenaria ordinaria, ademais da aprobación dunha modificación da ordenanza de plusvalías e do novo regulamento do cemiterio municipal de San Xoán, tamén se deu conta da actualización de pago a provedores. O edil de Facenda, Xulio Barreiro (BNG), salienta que Poio durante o primeiro trimestre de 2022 o período medio no municipio é de menos de 22 días (21,89), un rexistro que se mantén por debaixo da media de todo o exercicio anterior (2021).

Deste xeito, o Concello de Poio continúa por debaixo dos prazos que establece a normativa vixente, que define en os 30 días para a aprobación das facturas correspondentes a este tipo de servizos e outros 30 para efectuar o pagamento pertinente. O responsable de Facenda lembra que “no caso das facturas de maior contía, ao requirir dunha tramitación máis complexa, os prazos poden dilatarse”, pero destaca que “desde o Concello seguimos a traballar para axilizar estas xestións no menor tempo posible”.

 

Go to top