fbpx

A Concellería de Festexos, dirixida polo nacionalista Xosé Luís Martínez, xa ten practicamente pechada a programación do Verán en Poio, que comezará o día 22 de xuño, co inicio das Festas de San Xoán, e se prolongará ata finais de setembro coas Festas da Merced. Ao igual que en edicións anteriores, a través desta iniciativa garántase a chegada de grandes grupos musicais e orquestras de referencia ao municipio, ofrecendo actuacións en todas as parroquias e reafirmándose, deste xeito, como un gran reclamo tanta para a veciñanza como para as persoas que visitan Poio durante a tempada estival.

Martínez Blanco lembra que algúns dos grupos e orquestras que serán protagonistas do Verán en Poio xa actuaron o ano pasado, con gran éxito de asistencia. Sen embargo, tal e como puntualiza o edil do BNG, “foron actuacións que estiveron moi condicionadas pola situación sanitaria e as restricións e limitacións que era preciso acometer para garantir a seguridade. Agora, nesta etapa de nova normalidade, queremos que a cidadanía volva gozar cos concertos e verbenas como se facía antes da chegada da COVID-19”, salienta o responsable de Festexos. Deste xeito, nas Festas de San Xoán actuarán na Seca tanto Panorama como París de Noia. Xa no mes de xullo, volve o Sons de Ánkar, en San Salvador, un festival que se realiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra e que chega a súa terceira edición. “Esta é unha cita que naceu durante a pandemia e que tivo unha gran resposta no que a asistencia se refire, polo que apostamos por volver a facela realidade”, explica Xosé Luís Martínez, que adianta que o 8 de xullo actuará Baiuca. Este evento pecharase con outra actuación de renome, que se dará a coñecer proximamente.

Agosto será un dos meses máis intensos da programación de Verán en Poio. Nos seus inicios terá lugar o Festival Chalaniña, en Lourido, pensado para as crianzas. A Festa do Mar repite formato con respecto a 2021 e aglutinará varias actuacións musicais en diferentes parroquias. Así, en Raxó actuarán Olympus e Doctor Queen, mentres que El Combo Dominicano ofrecerá un concerto en Samieira. Pola súa banda, Combarro, ademais de acoller o Armadiña Rock, tamén será o lugar no que actúe Gisela e o Tributo a ABBA.

Na Festa da Ameixa de Campelo, no mes de setembro, xa está confirmada a presencia da orquestra América. “Ao longo dos vindeiros meses iremos dando a coñecer a programación específica de cada unha das citas que forman parte deste Verán en Poio, que promete ser un gran atractivo para gozar desta época do ano tanto para a veciñanza como para os e as turistas”, conclúe Xosé Luís Martínez.

 

Go to top