fbpx

O Pleno da Corporación aprobou na sesión ordinaria deste martes, de xeito unánime, a actualización da ordenanza fiscal do servizo de cemiterio. Trátase dun trámite que, tal e como lembra o Goberno local, é un paso máis de cara a acometer a ampliación do camposanto de San Xoán. Esta modificación, que se aplicará de xeito exclusivo aos novos nichos que se construirán no futuro, inclúe novidades importantes, como a eliminación da taxa por transmisión de nichos. O equipo de Goberno apostou pola supresión desta cota, que levaba fixada en algo máis de 12 euros desde a anterior modificación, e que data de principios da década dos 80, tal e como lembrou o alcalde, Luciano Sobral, durante o debate.

Os dirixentes municipais, ademais de incidir no feito de que a nova ordenanza fiscal non afectará aos panteóns xa existentes, recalcan que o que se recada a través desta ordenanza destínase exclusivamente ao mantemento do servizo. Estes custes ascenden a uns 60.000 euros e a través das taxas cúbrese aproximadamente o 14% da contía, mentres que o resto é asumido polo propio Concello.

Unha vez aprobada esta modificación, o Goberno municipal segue avanzando na posta en marcha do proceso de ampliación. Cómpre lembrar que a parte nova do cemiterio ocupará unha extensión de máis de 400 metros cadrados, que permitirá dotar ao camposanto de preto de novos 500 nichos. Para facer realidade este proxecto o Concello de Poio ten previsto un investimento de 450.000 euros, que corresponden ao Remanente de Tesourería resultante da liquidación do Orzamento de 2021.  Parte do investimento destinarase á realización da conexión coas redes de servizos básicos, así como á ampliación de accesos. O proxecto conta co visto bo dos departamentos de Dirección Xeral de Patrimonio, así como de Sanidade de Medio Ambiente. Ademais, a actualización da ordenanza tamén obtivo o respaldo de Tesourería e Intervención.


Modificación ordenanza de plusvalías

Por outra banda, o Pleno tamén aprobou, grazas aos votos favorables dos e das compoñentes do grupo de Goberno, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre incremento de valor dos terreos de natureza urbana, coñecida como plusvalía. O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro (BNG), lembrou que esta actualización realízase para dar cumprimento a unha sentenza xudicial que invalida a normativa anterior. Agora, os criterios son “máis xustos” á hora de aplicar esta taxa, que contempla, por exemplo, a súa exención en caso de que non exista un incremento do valor dos terreos cando se produce un traspaso.

O Goberno local lembra que esta modificación non afecta ás bonificacións existentes en Poio sobre este recibo.

 

Go to top