fbpx

A trixésima edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto consolidouse como unha das convocatorias cunha maior participación nos últimos anos. A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, explica que neste 2022 presentáronse máis de 170 obras de poesía e relato curto. Cómpre lembrar que o certame presenta varias categorías, divididas en función da idade dos e das participantes. “Para nós é un motivo de gran orgullo que tanta xente amosase o seu interese por tomar parte nesta iniciativa, máxime nunha edición que resulta moi especial, xa que, ademais de cumprirse 30 anos da súa primeira edición, tamén véñense de cumprir dez do falecemento de Xaime Illa Couto, que mantivo un vínculo moi estreito co noso municipio”, lembra a titular da área de Cultura.

Os 172 textos presentados nesta convocatoria superan, por exemplo, aos 112 entregados en 2021. A diferencia aínda é maior con respecto a 2020, nunha edición que estivo afectada irremediablemente pola pandemia da COVID-19. O confinamento provocou que só se presentasen 56 obras a concurso. Outro aspecto que salienta Raquel Rodríguez é o carácter internacional que adquiriu o certame nesta edición de 2022, como o demostran as obras enviadas desde países como Suecia ou Alemaña. A edil do Goberno local agradece a todas e todos os participantes por tomar parte neste concurso, que “ten coma obxectivo difundir e fomentar a nosa lingua a todos os niveis e especialmente entre as crianzas”. Neste sentido, Rodríguez Alonso tamén destaca a implicación do tecido educativo de Poio á hora de participar.

Unha vez pechado o prazo para a presentación de relatos e poemas, nos vindeiros días reuniranse os e as integrantes do xurado encargado de analizar as obras e que está formado por integrantes das asociacións que forman parte do Consello Municipal de Cultura (SCD Raxó, SCD Samieira, Ateneo Corredoira de Combarro, Asociación Boureante da Seara e Asociación Vides Novas de San Salvador). Como xa é tradición, a entrega de premios terá lugar o 17 de maio, ás 17.30 horas, dentro da programación que a Concellería de Cultura desenvolverá para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle adica a Florencio Delgado Gurriarán.

Tal e como xa viña sucedendo en edicións anteriores, establécense ata seis categorías diferentes, en función da idade. As catro primeiras, que abarcan dos 6 aos 15 anos, contarán con premios de 70 euros para os gañadores e gañadoras, mentres que na de 16 e 17 será de 90. O premio para o autor ou autora da peza mellor valorada polo xurado en maiores de 18 anos será de 300 euros. Ademais, tamén se fará entrega dun diploma e dun agasallo conmemorativo.

Contacontos en movemento

Por outra banda, a concelleira de Cultura tamén lembrou que o Centro Cultural Xaime Illa acollerá este venres 29 de abril, ás 17.00 horas, unha nova actividade do ciclo Entre Libros anda o Conto, impulsado co gallo da conmemoración do Día Internacional do Libro e que ten coma obxectivo fomentar a lectura entre as crianzas. O contacontos en movemento ‘Libros e Ioga’, con Árbore Azul, é a iniciativa que se desenvolverá nas dependencias do centro cultural de Raxó. Trátase dunha cita pensada para cativos e cativas de idades comprendidas entre os 4 e os 9 anos. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en anotarse poderán facelo chamando ao 986770001 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

 

Go to top