fbpx

O Concello de Poio vén de completar o proceso de adxudicación para a obtención de 800 Composteiros Individuais (COINs) con aireador, que serán repartidos entre os veciños e veciñas de Poio que os soliciten. O edil de Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), sinala que esta xestión segue os pasos marcados polo Goberno local á hora de apostar por fomentar o uso deste tipo de dispositivos, en aras do coidado do medio ambiente e para dar cumprimento ás normativas correspondentes, que a curto prazo “esixirán unha maior porcentaxe de restos  reciclados”.

Casás visitou este xoves o Centro de Compostaxe Comunitario (CCC) situado no parque Rosalía de Castro, na parroquia de San Salvador. O concelleiro de Servizos Municipais lembrou que este foi o primeiro recipiente destas características instalado no concello, hai preto de ano e medio, e salientou o seu bo funcionamento. “A resposta das persoas residentes na contorna está a ser espectacular e aspiramos a que ese espírito se estenda por todas as parroquias á hora de apostar pola compostaxe”, indicou. Cómpre lembrar que só durante 2021 este CCC de San Salvador xerou unhas 60 toneladas de compost, unha cantidade que ten visos de superarse neste 2022, habida conta do uso habitual que fan numerosos veciños e veciñas de Ferreirós.

Con respecto á adquisición dos Composteiros Individuais, Julio Casás explicou que será a empresa especializada Berca Group a encargada de subministrar os recipientes, logo de que se completara o proceso de licitación, no que presentaron ofertas seis firmas distintas. “Aprobouse en Xunta de Goberno Local a tramitación e agora estamos pendentes de comezar a recibir os COINs”, indica o edil socialista, que engade que se irán recibindo en catro lotes diferentes de 200 unidades. Os primeiros recipientes serán para a substitucións dos composteiros adquiridos hai anos polos usuarios e usuarias. A veciñanza interesada en facer uso destes recipientes deberá poñerse en contacto co Concello de Poio, onde se elaborará unha lista de agarda para o seu reparto. Cómpre lembrar que a Concellería de Obras e Servizos Municipais iniciou este proceso no ano 2011, co reparto dos primeiros COINs.

Julio Casás incide na importancia de implicarse no tratamento de lixo e no uso de compost. “Non hai que esquecer que a nova Lei de Residuos contempla sancións por incumprimento de obxectivos, algo que se fará efectivo a partir do ano 2025, polo que é importancia que todos e todas nos concienciemos no que á compostaxe e separación e reciclaxe de restos se refire”, asevera. O edil do Goberno local lembra, asemade, os beneficios desta práctica para o tratamento de terras, hortas ou macetas, provocando, ademais, unha redución no uso de produtos químicos, o que redunda de xeito positivo no coidado do medio ambiente. Os beneficios no uso deste sistema tamén teñen unha consecuencia favorable a nivel económico, xa que, grazas ás medidas aplicadas en materia de recollida selectiva e á boa resposta por parte da veciñanza no uso dos composteiros, Poio conta coa bonificación do 10% no canon de Sogama pola xestión de residuos urbanos, acadando un aforro de algo máis de 50.000 euros.

Por outra banda, o Concello lembra que entre os restos orgánicos que se utilizan para elaborar o compost non se inclúen restos de poda ou plantas. Este tipo de residuos deben depositarse no Punto Limpo Móbil, que, con carácter itinerante, percorre todas as parroquias do municipio semanalmente. En caso de que se traten de grandes cantidades tamén se pode facer uso do servizo de recollida a domicilio de voluminosos, chamando ao 986771185, en horario de 9.00 a 13.00, de luns a venres.

 

Go to top