fbpx

Neste mes de abril a Concellería de Benestar Social e Educación, dirixida pola socialista Rosa Fernández, vén de recuperar unha das súas actividades de maior éxito: o Bingo Entretido, unha cita pensada para as persoas maiores e que ten coma finalidade seguir consolidándose como punto de encontro para a xente da terceira idade de todas as parroquias de Poio.Tal e como lembra Fernández González, esta foi unha das primeiras actividades que se tivo que suspender por mor da chegada da pandemia da COVID-19. No outono de 2021 anunciouse a súa reanudación, pero finalmente tivo que aprazarse debido ao empeoramento durante os meses posteriores da situación sanitaria. “Afortunadamente, as nosas e os nosos maiores xa poden volver a xuntarse para compartir unhas horas de diversión todos xuntos”, celebra a edil do Goberno municipal.

Esta actividade é de balde e cada certo tempo trasládase a unha parroquia diferente. Esta semana a cita tivo lugar en Combarro, mentres que no mes de maio trasladarase a Campelo e A Seca. Previamente tamén estivo en Raxó, Samieira e Vilariño. Os premios que se levan as ou os gañadores consisten en roupa para o fogar, menaxe e complementos. “A través desta actividade potenciamos a oferte de lecer para os maiores, ao mesmo tempo que a través do xogo fortalecen a súa axilidade mental e a memoria”, sinala Fernández González.

Día da nai en Saudemente

Por outra banda, o alumnado do programa Saudemente, que tamén depende da Concellería de Benestar Social, está a realizar estes días unha actividade para celebrar o Día da Nai, que será o vindeiro domingo 1 de maio. Os e as persoas que forman parte desta iniciativa están a realizar exercicios nos que recordan ás nais “que xa non están entre nós”, indica Rosa Fernández. Ademais, a Concellería agasallará aos e ás inscritas con caixas de bombóns moi especiais, que serán entregadas polo persoal da Casa Rosada.

Saudemente conta con máis de 100 inscritos e inscritas e, ao igual co Bingo Entretido, tamén se desenvolve nas diferentes parroquias do municipio, contando cun alumnado cunha media de idade superior aos 80 anos.

 

Go to top