fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, informa da posta en marcha de traballos de limpeza e mantemento en diferentes areais do municipio. Os operarios municipais iniciaron esta semana estes labores, que hoxe se centraron fundamentalmente en Lourido, así como na praia de Cabeceira, entre outras. O rexedor nacionalista explica que os traballos realízanse unha vez que as previsións meteorolóxicas avanzan a consolidación da boa climatoloxía. “A partires desta época do ano é cando podemos empezar a aumentar as frecuencias destes traballos”, indica Sobral, que lembra que parte dos operarios contratados de xeito temporal a través do Plan Concellos ocúpanse, precisamente, deste tipo de actuacións.

O alcalde Sobral é consciente de que “praias como Raxó, Xiorto, Chancelas, Cabeceira ou Lourido empezan a ser a estas alturas puntos de encontro habituais para a veciñanza e atraen a moitos visitantes, especialmente durante as fins de semana”. Deste xeito, procedeuse á retirada de restos cun vehículo especializado para tal fin. Cómpre lembrar que este verán, un ano máis, a praia de Cabeceira lucirá a bandeira azul, mentres que 14 das 15 praias do municipio iniciarán a tempada estival coa calificación de excelente nas súas augas. A vindeira semana darase continuidade á actuación, en vista das boas predicións meteorolóxicas.

Arranxo de mobiliario e da pasarela de Lourido

Por outro lado, o concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE),  sinalou que nestes días tamén se está a renovar e arranxar o mobiliario urbano na contorna de Lourido. En concreto, os operarios municipais procederon a renovar as papeleiras, unha actuación que, tal e como salientou Casás Barral, se estende ao resto das parroquias, traballando en coordinación coa empresa adxudicataria da recollida do lixo, Valoriza.

Ademais, tamén vén de finalizar a reparación da pasarela de madeira colindante co areal de Lourido. Sobre este tema, o concelleiro socialista asegurou que “seguiremos realizando o mantemento necesario mentres non poidamos acometer unha actuación máis ambiciosa para a renovación integral deste espazo, que precisa dos permisos pertinentes de Costas e un investimento importante”.

 

Go to top