fbpx

O Pleno da Corporación vén de aprobar, cos votos a favor dos e das integrantes do grupo de Goberno e coa abstención do Partido Popular, unha moción para apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), a través da cal busca dotar a Galicia dunha nova lei de montes veciñais que “evite o seu roubo a través da privatización”. A moción foi presentada por Avante Poio e a súa voceira, a tenente de alcalde de edil de Participación Veciñal, Silvia Díaz, defendeu as liñas fundamentais desta solicitude, que pasan por “reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal e mellorar o funcionamento asembleario e democrático das comunidades de montes”, ao mesmo tempo que se aposta por “recoñecer aos montes veciñais en man común como unha figura de protección medioambiental e cultural en si mesma”.

Durante a súa intervención, Díaz tamén sinalou a importancia de considerar como aproveitamentos e usos actuais do monte veciñal “todos aqueles que se dan nestes espazos”, acadando “un monte veciñal e sustentable ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade en xeral”. Tal e como recordou a tenente de alcalde, os montes veciñais ocupan aproximadamente un cuarto do territorio galego. “O futuro dos montes pasa por avanzar cara unha tenencia máis xusta destas áreas, evitando que sexan acaparadas por unhas poucas mans. O protagonismo ten que recaer nos titulares dos montes”, recalcou a voceira de Avante Poio.

Na moción tamén se advirte de que desde hai unha década “estanse a modificar diversos artigos da Lei de Montes Veciñais, así como da Lei de Montes de Galicia, promulgando normativas colaterais que teñen como meta sacarlle á veciñanza comuenira a xestión destas terras en favor de terceiros”. Silvia Díaz indicou que tamén se prevé unha modificación da Lei de Montes Veciñais que se atopa en vixencia na actualidade para “desnaturalizar os montes veciñais, eliminando a súa característica de titularidade xermánica, converténdoos en titularidade de carácter privado”. A través desta moción, o Pleno respalda a Iniciativa Lexislativa Popular da ORGACCM encamiñada a evitar esta situación e da da traslado do seu acordo a esta entidade, así como á Xunta de Galicia e aos grupos con representación no Parlamento de Galicia.

 

Go to top