fbpx

O Concello de Poio xa está en disposición de facer uso dunha parcela situada en Valiña, na parroquia de San Salvador, que se habilitará proximamente como aparcadoiro disuasorio. Trátase dun espazo que se atopa dentro do polígono 17, que figura definida como Solo Urbano Non Consolidable (SUNC) no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Tal e como explica o concelleiro responsable da área de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, nesta zona contémplase un desenvolvemento que servirá para dotar á área de novas zonas verdes e viais. Sen embargo, mentres o promotor non desenvolva esta actuación, a parcela poderá ser utilizada pola Administración local para habilitar prazas de estacionamento.

Agís mantivo unha reunión cos propietarios do terreo esta mesma semana e confirmou que “xa contamos cos permisos necesarios para facer uso da parcela mentres non se urbanice”. Ademais, o concelleiro do PSdeG-PSOE aclara que, unha vez se leve a cabo o proceso de urbanización, a zona de Valiña contará con “prazas definitivas” para estacionar, toda vez que tamén veñen contempladas no proxecto, ao igual cas zonas verdes e as futuras rúas. O edil de Urbanismo e Promoción Económica desta a importancia destas xestións, que permitirán ofrecer a un dos principais núcleos da parroquia de San Salvador algo máis de 150 espazos para estacionar. A área que acollerá a urbanización conta cunha extensión aproximada de 6.000 metros cadrados, segundo consta no proxecto. Utilizarase un terzo (2.000 metros) para acoller o aparcadoiro disuasorio.

A tramitación culmina un proceso que xa experimentara un pulo importante en outubro do ano pasado, cando a Comisión de Urbanismo e a Xunta de Goberno Local aprobaron o pasado 19 de outubro o proxecto de equidistribución do polígono 17. Xa entón quedou confirmando que  mentres a urbanización non se realizase quedaría liberado un espazo que abriremos para que sexa utilizado a modo de aparcadoiro. Agora, a intención do Goberno local é levar a cabo os traballos de posta a punto da parcela para que o seu uso poida ser unha realidade “o antes posible”, remarca Agís Gómez.

Con esta xestión, a parroquia de San Salvador pasará a contar no seu núcleo con preto de 400 prazas de estacionamento, reunidas, ademais de neste espazo en Valiña, nas inmediacións do Camiño das Bocas e da Rúa Palestina, onde o Concello xestionou tamén hai uns meses a cesión doutra parcela, que xa ven sendo utilizada de xeito habitual pola veciñanza e que ten capacidade para acoller a máis de 200 automóbiles. Ademais, o concelleiro de Urbanismo lembra tamén outros proxectos como o da posta a punto de aparcadoiros nas inmediacións do Centro de Saúde de Anafáns, que tamén foi impulsado por este departamento e que redundará na mellora da seguridade viaria na zona.

 

Go to top