fbpx

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), visitou hoxe a contorna de Lameiriña e Caneliñas, na parroquia de Raxó, onde o Concello de Poio está a acometer unha importante actuación que servirá para mellorar e poñer en valor un dos núcleos principais da localidade. Acompañado polo responsable do departamento de Promoción Económica e Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, Casás Barral puido constatar o bo ritmo ao que avanzan os traballos, sinalando que, se non se produce ningún tipo de imprevisto, estarán finalizados en poucas semanas, antes da chegada do verán.

Este proxecto, executado pola empresa Covsa, conta cun orzamento superior aos 350.000 euros e financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha actuación que se amplía con respecto aos plans iniciais da Administración local, que contemplaban unha mellora para Lameiriña. Esa obra non chegou a executarse, debido ao cese repentino de actividade da anterior adxudicataria (Nexia Infraestructuras), polo que se sacou a licitación un proxecto “moito máis completo e amplo”, lembra Julio Casás. Deste xeito, agora as tarefas tamén se estenden ata a Praza Lameiriña e Caneliñas.

Os operarios da firma responsable das obras xa procederon a dotar de nova superficie de empedrado a boa parte da rúa. Cómpre lembrar que a extensión do tramo no que se actúa supera os 1.000 metros aproximadamente. Lameiriña pasa a contar, deste xeito, cunha plataforma única, o que favorecerá unha maior mobilidade e seguridade viaria. Ademais, esta superficie tamén é máis resistente, tal e como lembra o concelleiro de Obras, e “se adapta e respecta a contorna”. A dotación de dez novas bocas de rego e a mellora de servizos básicos completan esta actuación, que segue a filosofía marcada polo Concello de Poio á hora de mellorar e poñer en valor núcleos tradicionais, así como a aposta pola mobilidade sustentable e peonil, tal e como consta no Plan de Mobilidade Urbana aprobado neste mandato.

A obra tamén supón a mellora dos ramais que enlazan Lameiriña coa Avenida da Toxa, na PO-308. Estes días o labor dos operarios céntrase nesa zona, logo de que o empedrado xa quedase listo en gran parte da extensión. Julio Casás explicou que os prazos de actuación víronse afectados pola situación derivada dos problemas de abastecemento que se rexistraron nos últimos meses. O edil do Goberno local expresou o seu agradecemento ás persoas residentes na zona “pola súa paciencia e comprensión”, toda vez que foi preciso cortar o tráfico para poder executar os traballos.

 

Go to top