fbpx

O Centro de Información á Muller de Poio, situado na Casa Rosada, atendeu un total de 244 consultas entre os meses de abril de 2021 e 2022. De todas estas xestións, 75 corresponden a novas altas no que se refire a asesoramento xurídico ou psicolóxico, o que se traduce nun incremento de algo máis dun 30% con respecto ao exercicio previo.

A tenente de alcalde e responsable da área de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), lembra que son diversos os servizos e prestacións que se desenvolven a través do CIM.

“A día de hoxe, as consultas máis demandadas por parte das usuarias teñen que ver con aspectos xurídicos, como son o dereito de familia, divorcios, regulación de réxime de custodia ou reclamación de pensións e alimentos”, explica a concelleira do Goberno local, que tamén salienta o asesoramento que as técnicas levan a cabo en cuestións como Dereito Laboral ou vencelladas á Seguridade Social. “Aquí incluímos peticións de información vencelladas a pensión de xubilacións, baixas por maternidade e prestacións de desemprego”. A todo isto súmaselle, asemade, as tramitacións relacionadas con Dereito Civil (herdanzas, reclamación de préstamos ou contratos de alugamento).

O CIM tamén atendeu durante este ano a un total de 50 vítimas de violencia machista, ás que se lles presta asesoramento xurídico e xudicial, ademais de tramitarlle xestións que sirvan para cubrir necesidades básicas, como a dotación dun teléfono móbil, prestacións de axuda periódica da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, o bono alugueiro da Administración autonómica ou a renda activa de inserción do SEPE. De ser o caso, tamén se lles deriva ás traballadoras de Servizos Sociais ou ao departamento de Orientación Laboral, en función das súas necesidades. Este ano impulsouse, a maiores, o obradoiro ‘Espazo Empoder@’, destinado a mulleres en situación de desemprego, no que tomaron parte 12 usuarias co obxectivo de mellorar as súas competencias no manexo de ferramentas dixitais.

Polo que respecta ás consultas psicolóxicas, as máis demandadas teñen que ver con situacións derivadas de separacións traumáticas ou emocionalmente difíciles. “Estamos a constatar un aumento de consultas por parte de mozas, en moitos casos menores de idade, con sintomatoloxía ansioso-depresiva”, advirte a concelleira de Igualdade, que tamén salienta as iniciativas e actividades que se impulsan desde o Centro de Información á Muller. Unha delas é o ‘Espazo Propio’, unha programación que fomenta hábitos saudables a través de clases de ioga e pilates, e que se desenvolven todos os martes e xoves, en horario de mañá e de tarde, na Casa Rosada. O programa esténdese desde outubro ata maio e nesta edición contou con máis de 60 inscritas.

Tecido educativo

O CIM tamén mantén a súa posta pola organización de iniciativas e actividades en colaboración co tecido educativo do municipio, a fin de inculcar valores en favor da igualdade nas crianzas. Un ano máis, este foi un dos piares da campaña do 8 de Marzo, que impulsou os proxectos ‘Conta comigo, precursora’, consistente na realización de contacontos nos CEIP do concello, e ‘Desenrédate’, dirixido a alumnos e alumnas do IES Poio. En total, tomaron parte nestas sesións máis de 360 estudantes de diferentes idades.

Por último, a tenente de alcalde tamén salienta outra xestión importante, como foi a elaboración do IV Plan de Igualdade entre Homes de Mulleres do Concello de Poio, un documento que busca promover e consolidar a igualdade de oportunidades, de dereitos e de trato entre homes e mulleres. O plan establece a folla de ruta a seguir a curto e medio prazo, cunha batería de máis de 40 actuacións a desenvolver ata o ano 2026 para acadar estes obxectivos.

 

Go to top