fbpx

A concelleira de Dinamización Lingüística, Marga Caldas (BNG), e a responsable de Cultura e Educación, a tamén nacionalista Raquel Rodríguez, mantiveron esta semana unha reunión co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, para traballar, de xeito conxunto coa Xunta de Galicia, no impulso de iniciativas que sirvan para vincular a promoción e o uso da lingua galega con eventos que neste 2022 adquiren un protagonismo especial, como son os 50 anos da declaración de Conxunto Histórico do núcleo de Combarro ou a XXX edición do Certame Literario Xaime Illa Couto.

Caldas Moreira salientou a boa sintonía do encontro e confirmou que o Concello de Poio ten previsto adherirse á Rede de Normalización Lingüística promovida pola Administración autonómica, para desenvolver liñas de actuación encamiñadas a coordinar e aumentar as actividades dirixidas ao fomento da utilización da lingua galega tanto nas propias institucións e administracións como na súa relación coa cidadanía. Tal e como sinala a propia titular deste departamento en Poio, está previsto que este asunto sexa levado ao vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o día 31 de maio, para a súa aprobación. Unha vez resolto este trámite, iniciarase o proceso para completar a adhesión, que permitiría ao Concello a opción de acceder ao desenvolvemento de diferentes actividades neste eido.

A concelleira do BNG recorda as iniciativas que xa se están a impulsar en Poio para acadar estes obxectivos, como é a celebración do Certame Literario Xaime Illa Couto, que, precisamente, este ano vén de acadar unha gran participación, con máis de 170 obras presentadas. “Este 2022 tamén é especial porque se cumpre o décimo aniversario do falecemento de Xaime Illa, cuxa figura é un referente no eido cultural para Poio”, lembra Marga Caldas.

 

Go to top